
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), presidía este 29 de abril no Centro Cultural Marcos Valcarcel de Ourense, unha xornada de participación pública sobre o Esquema Provisional dos Temas Importantes (EpTI) en materia de xestión das augas, que está en exposición publica ata o próximo 28 de maio.
Ao longo do encontro expúxose o contido dos EpTI da parte española da demarcación do Miño-Sil e celebrouse unha mesa redonda aberta aos asistentes entre os que se atopaban expertos de universidades, asociacións ecoloxistas, representantes de hidroeléctricas, representantes municipais e publico en xeral.
O EpTI, base do novo Plan Hidrolóxico
O Esquema Provisional de Temas Importantes constitúe o segundo fito do proceso de planificación hidrolóxica, tras a elaboración dos documentos iniciais xa finalizados, e servirá de base para o novo Plan Hidrolóxico. Este documento recolle a descrición e valoración dos principais problemas relacionados coa auga, así como as alternativas de solución.
Na parte española da demarcación identificáronse 16 temas importantes, distribuídos en catro bloques: cumprimento de obxectivos medioambientais, atención das demandas e racionalidade do uso, seguridade fronte a fenómenos meteorolóxicos extremos e coñecemento e gobernanza.
“Na DHMS consideráronse 16 temas importantes divididos en catro bloques: cumprimento de obxectivos medioambientais, atención das demandas e racionalidade do uso, seguridade fronte a fenómenos meteorolóxicos extremos e coñecemento e gobernanza”, explicou Quiroga.

Entre os principais problemas destacan as alteracións hidromorfológicas derivadas do intenso aproveitamento hidroeléctrico e do elevado número de obstáculos transversais; os impactos da actividade mineira, especialmente de extracción de lousa; a contaminación difusa de orixe agrogandeira; a contaminación puntual por deficiente depuración e dispersión poboacional; a contaminación histórica por lindano na zona do Porriño; así como os efectos do cambio climático no uso da auga e nos fenómenos extremos.
Consulta pública
O EpTI da parte española atópase en período de información pública desde o 1 de decembro de 2025 ata o 28 de maio de 2026, para suxerencias e observacións.
https://www.chminosil.es/es/chms/planificacionhidrologica/consulta-publica-esquema-provisional-de-temas-importantes-2028-2033
Estado das masas de auga
Na parte española da demarcación, das 287 masas de auga superficiais, 221 (77%) alcanzan o bo estado e 66 (33%) non. En canto ás augas subterráneas, 21 das 24 masas (87,5%) presentan bo estado, mentres que tres (12,5%) non o alcanzan.
“O obxectivo destas xornadas divulgativas é explicar os traballos efectuados e o resultado destes, mellorar o coñecemento da conca e dar cumprimento aos obxectivos medioambientais establecidos na Lei de Augas”, concluíu o presidente.
