No mediodía deste mércores 29 de abril, tres días despois da treboada que provocou escorrentías en diferentes partes da vila, arrastrando terra do monte queimado, a portavoz nacional, Ana Pontón, desprazábase ata o concello da Rúa para manter un encontro con representantes dos sectores produtivos máis afectados pola vaga de lumes do pasado verán na comarca de Valdeorras, reunión na que estaba acompañada pola alcaldesa, María G. Albert, e polo deputado pola comarca, Secundino Fernández.

Desde alí, Pontón preguntou ao presidente do Executivo, Alfonso Rueda, “se vai cumprir o anuncio que realizou no Parlamento de executar as franxas de protección en todos os concellos de menos de 10.000 habitantes, dado que o prazo para acometer a medida remata en apenas un mes”, dixo, lembrando que “o prazo acaba o 31 de maio e, polo tanto, queremos saber se esas franxas van a estar executadas antes desta data ou simplemente estamos ante unha nova mentira do presidente da Xunta”, e remarcando que “esta é unha medida anunciada como estrela polo propio Rueda e que resulta clave para garantir a seguridade das persoas e das vivendas nos 257 municipios que teñen menos de 10.000 habitantes”.
A portavoz nacional lembrou que Valdeorras foi unha das comarcas que sufriron en maior medida un “fatídico verán” que supuxo a destrución dunha parte moi importante do territorio, incluídas vivendas, e o desaloxo de miles de persoas. “Unha vaga de lumes”, afondou, “cuxas consecuencias seguen sendo evidentes nove meses despois, con miles de hectáreas arrasadas sen recuperar e ao que sumou os problemas derivados das choivas nas zonas afectadas polas lapas na Rúa, que arrastraron as cinzas até provocar a contaminación das augas. Xa advertiamos que isto ía a ser un problema se non actuaba e, lamentablemente, vemos que a situación é moi grave”.

Fronte “á irresponsabilidade e as mentiras do PP”, a líder nacionalista defendeu as medidas que presentou xusto despois dos incendios o goberno alternativo do BNG no Plan da Cinza á Vida, no que aposta por un cambio radical no modelo forestal para que o monte galego deixe de ser un eucaliptal e Galiza un polvorín. “A atención inmediata ás persoas afectadas -con axudas rápidas, burocracia cero e apoio integral-, a recuperación ambiental das zonas queimadas, a posta en marcha dun novo modelo forestal ou a mellora do dispositivo de extinción para poder actuar fronte a uns lumes moi diferentes aos de hai 20 anos son algunhas das liñas estratéxicas dun plan que contempla un amplo abano de medidas concretas”.

Entre elas, apuntou en primeiro lugar á axuda rápida e eficiente a todas as persoas afectadas, dado que “nove meses despois, unha parte moi importante das persoas que solicitaron axudas seguen sen telas pola burocracia e polo deseño das mesmas que fixo a Xunta”, remarcou, tras urxir ao Executivo a abonar as axudas ás que teñen dereito. En segundo lugar, considerou de especial importancia cambiar a ordenación do territorio e camiñar cara a un monte multifuncional, cunha ordenación en mosaico que permita previr os incendios e cunha aposta pola diversidade de usos e polas especies autóctonas. Neste sentido, tamén avogou por unha moratoria indefinida e real fronte á “irresponsabilidade” dun Goberno do PP que continúa favorecendo a extensión desta especie en pleno cambio climático.

“Quero dicirlle a todos os veciños e veciñas da comarca de Valdeorras, e tamén ao conxunto dos galegos e das galegas, que é posible un monte vivo e multifuncional e un rural onde non haxa abandono e ese o empeño desde o que estamos traballando no BNG”, sinalou, para avanzar que o Bloque “vai seguir insistindo en que os incendios apáganse no inverno con prevención, con ordenación e cun rural vivo”.
Pola súa parte, a alcaldesa da Rúa advertiu que o concello leva arrastrando as consecuencias dos lumes do pasado verán todo o inverno e que este pasado domingo aínda se manifestou con toda a súa virulencia, cunha “escorrentía grandísima que evidencia a problemática derivada dos incendios”, dixo, asegurando que “Levamos unha semana moi compricada, con afectación sobre todas as zonas de abastecemento, tal e como levamos sufrindo durante todos estes meses nos que a Xunta practicamente non fixo ningún traballo de restauración do terreo”. A isto sumou o feito de que “as axudas comprometidas polo Goberno de Rueda, sobre todo no sector vitivinícola, non se están a materializar”, o que trasladou á portavoz nacional co obxectivo de denunciar a situación no Parlamento. “Os concellos que sufrimos os incendios e os afectados, tanto particulares como produtores e empresas, teñen que ter unha resposta dunha Administración que non está a facer o seu labor a día de hoxe”, concluíu.




Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella