Terceira semana de folga dos médicos, a nivel estatal, para pedir a creación dun Estatuto Propio para Médicos e Facultativos como marco para corrixir o desequilibrio estrutural que sofre a sanidade pública en España. Entre as diferentes mobilizacións realizadas nesta semana estaba unha concentración no Hospital Universitario de Ourense, o pasado luns. No caso da comunidade galega a convocatoria lanzábaa o Sindicato Médico de Galicia (SIMEGA), quen apunta que a mobilización actual non se limita a reivindicacións laborais, senón que expón a necesidade de recoñecer o papel real do médico e reordenar o sistema ao redor desa realidade.
Partindo desa base -engade- as reivindicacións desta folga “non son medidas illadas, senón ferramentas para corrixir ese desequilibrio estrutural, de xeito que a creación dun Estatuto Propio busque dotar dun marco específico a unha profesión con responsabilidades diferenciais, recoñecendo o seu papel central na toma de decisións”.
SIMEGA expón que a eliminación da xornada complementaria e o establecemento dunha “xornada extraordinaria regulada pretenden acabar cun modelo baseado na dispoñibilidade implícita e non recoñecida do profesional, do mesmo xeito que eliminar as gardas de 24 horas responde á necesidade de aliñar a organización do traballo coa seguridade clínica, asumindo que non é posible soster decisións complexas baixo condicións de fatiga estrutural”.
“O recoñecemento da profesión como de risco, xunto coa xubilación anticipada e o axuste das pensións, responde o impacto acumulado destas condicións sobre a saúde do profesional, e a compensación íntegra en situacións de baixa ou embarazo corrixe situacións nas que o sistema traslada o custo ao propio médico.
As medidas de conciliación real, a reclasificación no Grupo A1+ e a adaptación da xornada dos médicos residentes buscan adecuar o marco laboral á responsabilidade, cualificación e carga real do exercicio médico, rompendo con modelos deseñados de costas a esta realidade”, segundo este sindicato.
SIMEGA considera que as demandas expostas “non son máis que as condicións necesarias para facer explícito e sostible o verdadeiro funcionamento do sistema sanitario, e con esta folga indefinida intermitente o que se pretende é abrir unha oportunidade para redefinir o modelo sobre bases reais, recoñecendo quen toma as decisións e como debe organizarse o sistema en consecuencia”. O Sindicato de Médicos de Galicia conclúe que “sen recoñecer a realidade do poder clínico e sen condicións dignas, non é posible garantir unha sanidade de calidade nin sostible no tempo”.
Fotos: Carlos G. Hervella.