SanidadeÚltima hora

O delegado da Xunta visita a farmacia de Larouco, unha das da provincia situada en zona farmacéutica especial

 

Ata o concello de Larouco desprazábase esta mañá o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, para, acompañado da súa alcaldesa, Patricia Lamela, visitar unha das 18 oficinas de farmacia da provincia de Ourense declaradas en zonas farmacéuticas especiais pola Consellería de Sanidade, en colaboración cos catro colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia.

O delegado territorial lembrou que a declaración publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 18 de febreiro, establece apoios e medidas específicas para facilitar a viabilidade das boticas rurais co obxectivo de garantir a prestación farmacéutica a toda a cidadanía galega, viva onde viva. Neste senso, recordou que para a consideración como zonas farmacéuticas especiais, os colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia e a Consellería de Sanidade acordaron unha serie de criterios, entre os cales se atopan que a zona conte cunha densidade de poboación igual ou inferior a 10 habitantes por km2 e que dispoña dunha única oficina de farmacia; que todos os establecementos farmacéuticos da zona estean en situación de viabilidade económica comprometida ou, no caso das farmacias do rural, que non resulte posible a rotación de quendas de garda.

Manuel Pardo concretou que na provincia ourensá teñen a consideración de zona farmacéutica especial as da Gudiña, A Mezquita, A Peroxa, A Teixeira, A Veiga, Baltar, Calvos de Randín, Carballeda de Valdeorras, Castrelo do Val, Chandrexa de Queixa, Larouco, Laza, Manzaneda, Montederramo, O Bolo, Parada de Sil, San Xoán de Río e Vilariño de Conso.

 

 

Axudas para as oficinas de farmacia que se localicen en zonas farmacéuticas especiais

Durante a visita, Manuel Pardo lembrou que a Xunta ten aberto o prazo de solicitudes ata o vindeiro 22 de maio, da primeira convocatoria de axudas dirixida aos titulares de oficinas de farmacia da Comunidade Autónoma de Galicia que se localicen en zonas farmacéuticas especiais, á que o Goberno galego destinará  preto de 100.000 euros, co fin compensar os gastos de funcionamento das oficinas de farmacia destas zonas especiais.

Nesta liña, engadiu que o obxectivo desta orde de achegas é apoiar as contratacións de farmacéuticos adxuntos para as quendas de garda ou suplencias para as épocas de vacacións, realizadas no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026. Isto – segundo o representante autonómico- permitirá ás persoas titulares das oficinas de farmacia situadas en zonas farmacéuticas especiais exercer o seu dereito á conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Co obxecto de facilitar a asunción dos custos de funcionamento das oficinas de farmacia, o delegado territorial explicou que realizarase un pagamento único do 100 % da contía da subvención en concepto de anticipo. Así mesmo, detallou que o importe máximo total da axuda por persoa beneficiaria para a totalidade do período a que se refire a subvención, incluíndo os gastos xerais de funcionamento de locais e de persoal, será de 18.000 euros/ano.

Back to top button