A VeigaConcellosÚltima hora

A Veiga prepárase para a eclipse solar total do 12 de agosto con máis actividades divulgativas en maio

Fonte: Instituto Geográfico Nacional (IGN).

 

O Concello da Veiga continúa avanzando na súa programación especial con motivo da eclipse solar total do vindeiro 12 de agosto de 2026, un fenómeno astronómico excepcional que será visible desde o norte da provincia de Ourense, incluído este municipio, onde a duración da totalidade oscilará entre os 54 e os 39 segundos en función da localización, canto máis ao norte, máis tempo de totalidade.

“É unha oportunidade única na vida para ver desde casa unha eclipse total de Sol”, subliña Óscar Blanco, divulgador de astronomía e director do Centro Astronómico de Trevinca, quen lembra que un fenómeno destas características non se produce en Galicia desde 1905, ou 1912 se se ten en conta o breve episodio de totalidade rexistrado ese ano.

Tras o evento de 2026, non se repetirá un fenómeno destas características en Galicia ata o ano 2180, o que o converte nun acontecemento especialmente relevante.

O territorio de Trevinca-A Veiga sitúase como un enclave privilexiado para a súa observación, non só pola súa localización dentro da franxa de totalidade, senón tamén pola súa altitude media superior aos 1.000 metros e polas súas condicións meteorolóxicas favorables. Segundo datos climatolóxicos históricos, a probabilidade de nebulosidade na zona para esa data sitúase arredor do 15 %, significativamente inferior á doutros puntos de Galicia (datos de The eclipse app, web recomendada por Óscar Blanco). A eclipse comezará ás 19:33 horas e acadará a totalidade ás 20:30 horas.

Ademais, a xornada coincidirá co pico de actividade das Perseidas, o que engade un atractivo adicional á experiencia, especialmente nun territorio con certificado Starlight pola calidade dos seus ceos nocturnos.
Neste contexto, o Concello da Veiga vén desenvolvendo unha programación específica de actividades de divulgación e preparación, iniciada o pasado 28 de febreiro coa celebración do I Obradoiro sobre o eclipse solar de 2026. Esta iniciativa continúa no mes de maio con dúas novas propostas que terán lugar no Centro Astronómico de Trevinca.

 

 

Xornadas “Galicia, porta de entrada da eclipse. Xornadas de divulgación nos destinos Starlight. Trevinca”

Organizadas por Turismo de Galicia en colaboración coa Deputación de Ourense e o Concello da Veiga, estas xornadas reunirán profesionais do sector turístico, medios de comunicación, poboación local e visitantes para abordar as oportunidades que ofrece este fenómeno desde o punto de vista turístico e divulgativo. A asistencia é gratuíta, con inscrición previa a través do correo turismo@aveiga.gal ata completar a capacidade.

A apertura institucional correrá a cargo do alcalde da Veiga, Juan Anta Rodríguez, xunto ao director do Centro Astronómico, ambos en representación do destino Starlight Trevinca. A xornada será presentada oficialmente por autoridades vinculadas ao turismo de Galicia, desde o plano institucional (Axencia de Turismo de Galicia, Deputación de Ourense, Concello de A Veiga) e privado (Clúster de Turismo de Galicia). A continuación, os monitores Starlight Begoña Estévez e Antonio Pazos abordarán eclipse desde unha perspectiva científica, xunto a como observalo de forma segura. Asimesmo, o astrofotógrafo e divulgador Fernando Rey Daluz falará de como fotografar este fenómeno.

A xornada incluirá unha mesa redonda na que participarán Óscar Blanco como moderador; Emma González Diéguez, xerente do Inorde; o astrofísico e divulgador Borja Tosar (pendiente de confirmar); Javier Barja Álvarez, Capitán-Xefe dO Subsector de Tráfico de Ourense; Eduardo Martín Pita, xerente da casa rural Eido das Estrelas; e Marta Vila, técnico de turismo do Concello de A Veiga. Por último, a xornada pecharase cunha actividade práctica de fotografía e observación solar con telescopio, e un simulacro da propia eclipse.

II Obradoiro sobre a eclipse solar de 2026

O 16 de maio ás 18 horas, o Centro Astronómico de Trevinca acollerá o II Obradoiro sobre o eclipse solar de 2026, organizado polo Concello de A Veiga e impartido por Óscar Blanco. A actividade, de carácter teórico-práctico, permitirá ás persoas participantes coñecer en profundidade o fenómeno e prepararse para a súa observación.

O obradoiro incluirá explicacións sobre o funcionamento dos eclipses, proxección de material audiovisual de eventos anteriores, técnicas de observación indirecta, recomendacións para a fotografía e gravación do eclipse, así como consellos para a observación en familia e medidas de seguridade. A parte práctica contemplará a observación solar mediante telescopio especializado e métodos de proxección, ademais dunha simulación do eclipse de 2026 no planetario.

Ao remate, ás 21:30 horas, desenvolverase a visita guiada habitual do centro, que inclúe unha breve proxección no planetario, explicacións na sala expositiva e, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, unha sesión de observación astronómica no exterior con telescopio e a simple vista. Esta actividade, adaptada a público familiar, realízase de forma regular as fins de semana.

O Concello da Veiga continuará nos vindeiros meses con novas propostas dentro da súa programación de astroturismo vinculada ao eclipse de 2026, reforzando o posicionamento de Trevinca-A Veiga como destino de referencia para a observación do ceo en Galicia. Toda a información actualizada pode consultarse na web do Centro Astronómico de Trevinca ou contactando coa Oficina de información turística (turismo@aveiga.gal).

Back to top button