A provincia de Ourense volveu ser o epicentro do ciclismo de elite feminino, co paso de La Vuelta Femenina. O presidente provincial, Luis Menor, asistía na xornada deste luns 4 de maio á saída en Lobios e á chegada en San Cibrao das Viñas da segunda etapa desta competición que demostrou, unha vez máis, que a provincia de Ourense é “un grandísimo escenario para o deporte de alta competición”.
Acoller este tipo de eventos é “unha das mellores tarxetas de visita da nosa provincia ao mundo. Temos a orografía, as estradas e a capacidade loxística para acoller os eventos máis esixentes do calendario internacional”, valorou Menor tralo remate da competición.

A etapa, con 109 km de selo ourensán, levou ao pelotón desde Lobios a San Cibrao das Viñas, pasando por Muíños, Bande, Verea, Celanova, Outomuro, As Maravillas, A Manchica, A Merca e Taboadela. A corredora belga Shari Bossuyt, do equipo AG Insurance-Soudal Team, impúxose ao sprint e recibiu o premio de mans de Luis Menor e a vicepresidenta primeira e alcaldesa de San Cibrao, Marta Novoa.
Tanto a saída como a meta contaba coa presenza do delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, quen destaca que “a celebración desta competición consolidada no calendario WorldTour, é unha mostra do compromiso da Xunta cos grandes eventos deportivos que impulsan o turismo e a proxección internacional da provincia de Ourense”.