No mediodía deste xoves 7 de maio tiña lugar no salón de actos do Concello do Barco a despedida oficial dos participantes nesta edición dos Encontros Escolares do Eixo Atlántico. Estaba presente boa parte da corporación municipal aínda que eran a concelleira de Educación e Cultura Margarida Pizcueta (que acompañou á delegación durante os dous días) e o alcalde Aurentino Alonso, quen lles adicaban unhas palabras de agradecemento e despedida, antes de que os alumnos do CEIP Ramón Otero Pedrayo repartisen bolsas con agasallos aos alumnos da Escola Dr. Francisco Sanches de Braga.

Este intercambio celébrase cada ano entre concellos de Galicia e o Norte de Portugal que pertencen ao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. Nesta ocasión participa alumnado do Barco de Valdeorras e Braga cun programa dividido en dous bloques.
No primeiro que remata hoxe, os estudantes de 11 e 12 anos da Escola Dr. Francisco Sanches de Braga visitaron o concello do Barco, con recepción e actividades no CEIP Ramón Otero Pedrayo; xogos populares no propio centro e tamén en diferentes puntos do Barco; visita ao banco de extracción de lousa e ás instalacións da nave de elaboración da empresa Pizarras Los Tres Cuñados; e despedida institucional no salón de actos do Concello do Barco; antes do xantar e viaxe de regreso a Braga da delegación lusa.
Un total de 50 persoas, 18 nenos e nenas de Braga e 19 nenos e nenas do concello do Barco, acompañados de persoal docente dos dous colexios e persoal dos concellos de Braga e O Barco, convivirán e desfrutarán de diferentes actividades que lles permitirán coñecer os concellos que visitan, os seus atractivos turísticos, costumes, gastronomía, etc.
No segundo bloque, os días 13 e 14 de maio, os escolares do CEIP Ramón Otero Pedrayo de Viloira, visitarán Braga e o centro escolar.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.