ConcellosO BarcoRubiáÚltima horaVídeos

“Tecendo a liberdade”, un proxecto que une aos centros educativos barquenses e de Rubiá co CCA polas Letras Galegas

Inclúe unha exposición de fotos inspiradas en frases da escritora Begoña Caamaño nos escaparates dos comercios do Barco CCA, unha xincana e un mural dedicado a esta autora no Malecón

 

Un curso máis os seis centros de ensino do Barco e o CEIP Virxe do Camiño de Rubiá únense para festexar o Día das Letras Galegas, contando ademais coa colaboración do Barco Centro Comercial Aberto (CCA), con diversas actividades pensadas para o alumnado, pero tamén implicando á veciñanza da comarca. Desta volta a campaña terá como lema “Tecendo a liberdade”, na honra da xornalista e escritora viguesa Begoña Caamaño, que será homenaxeada o vindeiro 17 de maio.

A iniciativa está impulsada polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) do IES Martaguisela, IES Lauro Olmo, Centros de Educación Infantil e Primaria Xulio Gurriarán, Condesa de Fenosa, Otero Pedrayo, Colexio Plurilingüe Divina Pastora, CEIP Virxe do Camiño de Rubiá, co apoio do CCA.

“Foi unha escritora excepcional atravesada pola sensibilidade e o compromiso, unha autora contemporánea que deu voz e letra a causas sociais, do seu momento, pero que chegan ata os nosos días e que segue sendo necesario reivindicar”, lembraba na presentación deste proxecto Alba Pérez, coordinadora do IES Lauro Olmo, como voceira dos centros educativos.

Ademais explicaba este proxecto, que “mantén esa necesidade de unión e de apoio e de aí o título tan revelador que escollemos, que é “Tecendo a liberdade”, unha proposta fomentar no noso alumnado, máis alá do coñecemento da súa vida e obra, o achegamento a esa mirada sensible e solidaria e decidimos plasmalas a través dunha serie de actividades que involucrasen ao noso alumnado, pero que ao mesmo tempo saian das aulas”.

 

 

Así, por unha banda, o profesorado dos 7 centros participantes (IES Martaguisela, IES Lauro Olmo, Centros de Educación Infantil e Primaria Xulio Gurriarán, Condesa de Fenosa, Otero Pedrayo, Colexio Plurilingüe Divina Pastora, CEIP Virxe do Camiño de Rubiá) facilitaba ao seu alumnado frases significativas de Caamaño, (extraídas dunha das súas novelas, Circe ou o pracer do azul), referidas a ideas como liberdade, dignidade e poder feminino, escollidas en función do seu nivel educativo. Despois traballábanse na clase aspectos relativoa so acontido e forma das mesmas e propoñíaselle aos estudantes que achegasen unha foto. En cada centro escollíase unha imaxe.

 

 

As seleccionadas, xunto coas frases que as inspiraban, exporanse nos escaparates de establecementos asociados ao Centro Comercial Aberto, nos que, un ano máis organizarase unha xincana do 14 ao 31 de maio. Entre os participantes que a completen e selen o seu folleto, farase un sorteo para escoller ao ganador ou ganadora, tal e como explicaba o presidente do Barco CCA, Jacobo Arias. O premio será un vale de 50 euros para investir nas librarías asociadas. Por outra banda, engadía, tamén se premiará aos autores das fotos seleccionadas en cada centro de ensino.

Jacobo Arias agradecía a participación neste proxecto dos colexios e institutos nesta iniciativa e animávaos, de cara ao vindeiro ano, a continuar nesta liña de colaboración.

 

 

Novo mural no Malecón

Por outra banda, o proxecto “Tecendo a liberdade” tamén terá outra vertente pública cun mural que se instalará entre as árbores do Paseo do Malecón, tal e como destacaba Alba Pérez. Exporase unha serie de material elaborado polo alumnado e que este ano xirará arredor da temática grecolatina, tomando como referencia o xa citado libro de “Circe ou o pracer do azul”, primeira novela de Begoña Caamaño.

“Para iso pensamos en expoñer bustos de muller decorados ou pintados polo alumnado, que se pendurarán dun tear xigante xunto coa obra e biografía da autora. Así o fío condutor será o tear e nel a representación feminina, a un tempo enlazándoa coa estética clásica para darlle unidade á exposición”.

Alba Pérez convidaba á cidadanía valdeorresa a sumarse a estas actividades e tamén pedía que colaborase “na conservación e respecto do material exposto, tendo en conta das desfeitas que sufrían os murais instalados nos últimos anos”.

Fotos: A.R.

Vídeos: O SIL.

Back to top button