Na mañá deste sábado 9 de maio celebrábase no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, a segunda xornada cultural da Fundación FDG dedicadas ao monte baixo o título “O que agroma. Recuperación e actividades económicas”. Despois da primeira cita na Rúa, na que facían unha análise do lume do pasado agosto, declarado como “o máis grande da historia de España dende que hai rexistros” nesta ocasión reuníronse expertos e proxectos de recuperación e aproveitamento multifuncional do monte, ademais de coñecer os modelos de xestión de lugares como Gondomar (Pontevedra) ou Somiedo (Asturias).


O completo programa comezaba cunha mesa dedicada á recuperación de chans con Francisco García e Daniel Canosa, da Fundación Juana de Vega, seguidos de Leonor Calvo, bióloga da Universidade de León. A continuación, o enxeñeiro forestal Hugo Rodríguez, describía as posibilidades dunha xestión ecosistémica do monte, e Xosé Antón Araúxo, presidente dos Montes de Couso, relataba o aproveitamento multifuncional que fan en Gondomar. A última das mesas estivo protagonizada pola resiliencia da viticultura, explicada por Jorge Mazaira, director técnico da D.O. Valdeorras, acompañado por Mario Nogueira, quen detallou os retos da gandería de extensivo. O peche da xornada estivo a cargo de Belarmino Fernández, alcalde de Somiedo, quen presentou o modelo económico da vila, onde conviven conservación da natureza, gandeiría extensiva e turismo.
Os expertos da Fundación Juana de Vega explicaron varios dos traballos que levan realizando nos últimos anos con comunidades afectadas polo lumes e nas que o factor humano e económico destaca como un dos principais retos. Daniel Canosa, explicou que a reflexión habitual dos habitantes do rural soe ser que “o monte ten que dar” e tamén que “non teñen quen traballe o monte”. Ante esta circunstancia, o seu compañeiro Francisco García explicou que existen proxectos e axudas moi interesantes para mellorar a xestión do monte pero que faia a súa comunicación e simplificar os procesos burocráticos. Leonor Calvo, bióloga e investigadora que coñece en profundidade o fenómeno dos lumes nas provincias de León e Zamora, comezou defendendo as queimas prescritas como clave para xestionar un territorio cada vez máis abandonado, unha ferramenta que “en Portugal se usa de forma moi eficaz”. Tamén explicou como se comportan as diferentes especies arbustivas ante lumes reincidentes, destacando as pradarías, as enciñeiras e as bidueiras como cortalumes naturais.

Hugo Rodríguez tamén defendeu este tipo de plantacións en mosaico, onde “as masas forestais estean interrompidas e diversificadas”. No seu caso, está implicado na xestión dos montes da Veiga e amosou como, no caso do lume de 2025, onde houbera entresacas e espazos clareados, con pistas limpas, o lume podíase parar. “Un dos erros é agardar polo lume nas aldeas, debemos planificar espazos no monte que axuden a frealo”. Neste senso, destacou os bosques de alerces e pseudosugas, como os que se atopan en Mones (Petín) ou Santigoso (O Barco), dous tipos de coníferas que manteñen limpo o sotobosque e pola súa densidade frean o avance do lume. Tamén augurou que “se acabará pagando aos gandeiros por usar os montes igual que xa se paga aos apicultores por contribuír ao proceso de polinización”, defendendo un uso multifuncional do monte.
Ese modelo é o que levan case dous décadas implantando nos Montes de Couso, en Gondomar. O actual presidente da súa comunidade de montes, Xosé Antón Araúxo, explicou como dende que entrou a actual directiva no 2008 comezaron a retirar o eucalipto, que definiu “como a gran estafa”, substituíndoo por cultivos de setas shitake e arandos, que comercializan transformadas en marmelada e paté. “Un metro cadrado de eucalipto produce 1€ ao ano; o mesmo terreo dedicado ao shitake, 14€”, daba como dato, destacando como esta diversificación de aproveitamento, entre os que están iniciando a recollida de resina coa empresa valdeorresa Xagoaza Pinaster, xera tres postos de traballo permanente no comunal e moita vida arredor do monte, con proxectos culturais e educativos, como o “Bosque da Lingua” ou o “Estanque dos Anfibios”.
A última mesa estivo dedicada a outros sectores económicos, comezando cunha análise das posibilidades de expansión do viñedo valdeorrés. Jorge Mazaira, director técnico da D.O. Valdeorras, explicou como, “aínda que nos últimos anos semella que creceu a superficie de viñedo na comarca, realmente trátase dunha reestruturación, xa que as hectáreas cultivadas están dende hai anos arredor das 1.300, moi lonxe das 4.500 dos anos sesenta”. Asegurou que o viñedo “pode aumentar pero ten que facelo acorde coas posibilidades reais de comercialización do viño e os datos din que o consumo baixa”; e en canto á afectación dos lumes no viñedo, anunciou que o Consello Regulador “vai iniciar un estudo para facer un seguimento a medio prazo das súas consecuencias no chan se ben de entrada, semellan recuperados ao redor de o 90% das plantas afectadas”.
Dos retos tras os lumes tamén falou Mario Nogueira, gandeiro rués que defende a máxima “o futuro está no pasado” e criticou os prazos da Administración á hora de valorar os seus efectos nos animais. “Este inverno morréronnos setenta vacas pero a data límite para pedir axudas era o 1 de novembro cando non chegara o frío”, explicou ao tempo que se preguntaba se era razoable animar os seus fillos a tomar o relevo dun negocio tan vulnerable. Nogueira asegurou non entender os criterios de xestión do monte, onde non é capaz de ter pastos cando “o lugar que escolleron para facer un contralume en agosto foi o único pasto que tiña”, demostrando a súa eficacia como lugar de freo das chamas.
O último en intervir foi Belarmino Fernández, alcalde de Somiedo, onde hai un dos parques naturais máis antigos do país. No seu caso, non sen esforzo, conseguiron un sistema económico e social onde conviven a gandaría extensiva, o turismo natural e a conservación da natureza. “Hai quen critica unha suposta masificación turística porque hai mil habitantes e mil trescentas prazas turísticas pero é que hai trinta anos eramos o triplo”, explicou Fernández, quen defendeu que o principal reto é a fixación de poboación. Para frear o despoboamento e garantir o relevo económico apostan por “axudas para autónomos e atraer emigrantes de zonas agrarias latinoamericanas”. Pechou a súa intervención asegurando que “a soberanía alimentaria do país, como se demostrou na pandemia, pasa polo rural e que o futuro non está escrito”.
A terceira e última sesión das Xornadas Culturais da Fundación Florencio Delgado Gurriarán será o 13 de xuño ás 10:30 na Casa da Cultura de Larouco, con “Somos monte. Patrimonio cultural, social e natural” na que se tratarán iniciativas de posta en valor do monte pola súa riqueza paisaxística e etnográfica, como o BIC do barrio de covas de Larouco, os montes de Casaio ou o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. Tamén serán presentadas iniciativas educativas na natureza de Valdeorras, Viana do Bolo e O Bierzo. As xornadas rematarán cunha visita guiada ao xacemento arqueolóxico do Castelo, en Valencia do Sil (Vilamartín) acompañados do equipo de Sputnik Labrego.


Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.