OurenseÚltima hora

O parque de bombeiros de Ourense abriu as súas portas para amosar o seu traballo á cidadanía

Na xornada tamén estiveron membros de Protección Civil, a Guardia Civil, a Policía Local, Autonómica e Nacional e membros do 061

O parque de bombeiros de Ourense encheuse de visitantes na primeira xornada de portas abertas que organizan con motivo da conmemoración do seu patrón, San Xoán de Deus, o próximo 8 de marzo. Tanto pequenos como adultos gozaron dunha xornada na que podían subirse aos camións, facer soar as sereas e incluso percorrer as instalacións do parque.

Pero, ademais dos bombeiros, varios compoñentes dos corpos e forzas de seguridade e de emerxencias sumáronse á festa das portas abertas. Xunto ao Servizo de Extinción de Incendios estiveron ambulancias do 061, a Guardia Civil, Policía Local, Autonómica e Nacional e Protección Civil.

Moitos dos cativos animábanse incluso a vestir como os bombeiros ou a subirse nunha moto de auga de salvamento ataviados co chaleco salvavidas e casco, necesarios nunha labor de rescate. Asemade, os profesionais explicaban aos cidadáns que ata alí se achegaron como funcionaban unha ambulancia ou unha escaleira para rescatar persoas nos edificios.

Segundo o concelleiro de Seguridade Cidadá, Carlos Campos, “esta é a primeira que os Bombeiros de Ourense celebran unha xornada de portas abertas”. O edil asegurou que “non esperabamos que tanta xente se achegase até aquí” e reiterou que o principal obxectivo desta iniciativa é “dar a coñecer o traballo destes operarios, as instalacións, os medios de traballo, os recursos para actuar nas emerxencias”. Carlos Campos amosouse moi satisfeito coa resposta cidadá.

Fotos: Carlos Asensio

Artigos relacionados

Back to top button