
Esta mañá tiña lugar a primeira reunión dos Concellos do Bolo, Larouco, Manzaneda e San Xoán de Río para coordinar a organización do que será a primeira edición do obradoiro de emprego dual “Coidado Rural”, no que participaban estas catro entidades locais.
Comezará a impartirse o vindeiro 1 de xuño e terá unha duración de 9 meses. Como é dual unha parte estará dedicada a actuacións auxiliares en conservación, mellora e limpeza de montes e camiños e nela formaranse 12 alumnos. Por outra banda, tamén haberá 8 alumnos en atención de axuda a domicilio. “Esta foi a primeira reunión para comezar e coordinar o proceso de selección e sacar as bases”, comenta Miguel Ángel García, alcalde do Bolo, que é o concello promotor deste obradoiro de emprego.
Por outra banda, a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, matiza que “somos catro concellos, pero todos con características semellantes, do rural e que temos problemas na contratación de persoal de axuda a domicilio, por iso nos decidimos por esta opción no obradoiro, de cara a poder crear bolsas dentro dos nos concellos. Ademais, despois dos lumes que sufrimos o pasado verán, faise máis necesario que nunca realizar traballos de desbroce”.
Ademais, a rexedora lembra que as persoas interesadas en participar nos obradoiros teñen estes días para inscribirse nas súas oficinas de emprego.