ConcellosMelónÚltima horaVídeos

Falece un camioneiro tras precipitarse desde un viaduto da A-52, en Melón

 

Tráxico accidente de tráfico no que falecía un camioneiro tras precipitarse desde un viaduto da A-52 en Melón, tal como indican dende o 112 Galicia, explicando que “o vehículo fixo a tesoira e o implicado caeu desde gran altura tras quedar a cabina suspendida sobre o baleiro”.

Pasaba algo das 4:45 horas da madrugada cando un particular informaba ao 112 Galicia “dun grave accidente dun camión de lona rexistrado entre os quilómetros 264 e 265 da A-52 en sentido Madrid, ao seu paso polo municipio ourensán de Melón”. Indicaban que o vehículo fixera a tesoira e a cabina quedaba suspendida sobre o baleiro e “non conseguían localizar ao condutor polo que temían que puidese precipitarse desde gran altura”. Pouco despois, isto foi confirmado polos servizos de emerxencias.

 

 

Desde o 112 Galicia activaban un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros do Carballiño, o GES de Ribadavia, a Garda Civil de Tráfico, a Garda Civil e os servizos de mantemento da estrada. “Os efectivos do GES colaboraron cos bombeiros nas tarefas de rescate do o corpo sen vida do camioneiro, localizado nunha zona de difícil acceso”, aseguran.

O tráfico permanecía cortado no punto mentres se desenvolvían os labores de retirada do vehículo e limpeza da vía, quedando aberta a circulación polo carril esquerdo dende as 12:15 horas mentres que o carril dereito permanecerá cortado.

 

Imaxes: Garda Civil.

Back to top button