Rostros con tintes míticos, artísticos, surrealistas, pero tamén con referencias reais. Dende a tarde deste 13 de maio o Paseo do Malecón do Barco acolle unha orixinal e fermosa proposta, obra dos 6 centros de ensino da vila e tamén do colexio de Rubiá. Trátase dun impresionante tear con cabezas de mulleres empoderadas, inspirado arredor da figura da autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, a escritora e xornalista viguesa Begoña Caamaño.
Esta rechamante e coidada mostra era instalada nesta tarde por parte do profesorado e membros das ANPAs dos centros de ensino participantes e supón, un ano máis, achegar a lingua e á literatura galega á sociedade valdeorresa a través do traballo do alumnado.
Reúne material elaborado polos estudantes, arredor da temática grecolatina coa referencia a Circe e o pracer do azul (primeira novela de Caamño), e está formada por cabezas de muller empoderadas coidadosamente decoradas polo alumnado, que se penduran dun tear xigante xunto coa obra e biografía da autora (escritas a man polo alumnado).

A iniciativa é froito, un curso máis, dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) do IES Martaguisela, IES Lauro Olmo, Centros de Educación Infantil e Primaria Xulio Gurriarán, Condesa de Fenosa, Otero Pedrayo, Colexio Divina Pastora, e CEIP Virxe do Camiño de Rubiá, co apoio do CCA. E forma parte do proxecto “Tecendo a liberdade”, que inclúe ademais outras iniciativas a nivel educativo e en colaboración co Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco, como é unha exposición con imaxes inspiradas en frases da autora homenaxeada polas Letras nos escaparates dos comercios da asociación e unha xincana por eles.
Dende os EDLG convidan á cidadanía valdeorresa a sumarse a estas actividades e tamén piden que colabore “na conservación e respecto do material exposto, tendo en conta das desfeitas que sufrían os murais instalados nos últimos anos”.
Fotos: A.R.
