Tras unha intensa semana de actividades para celebrar a festa do colexio, o Divina Pastora do Barco iniciaba outra igual de completa con diferentes saídas e iniciativas en función do ciclo e do curso.
Na tarde deste mércores 13 de maio, Día da Virxe de Fátima, os alumnos de 4º, 5º e 6º de Primaria poñían en práctica as clases de Educación Viaria cunha saída en bicicleta, acompañados por profesores e familiares, por unha parte da comarca.
Saían arredor das 15 horas do centro escolar rumbo a Viloira, pasando por Arnado ata Pizarras Gallegas, xa no concello de Vilamartín de Valdeorras, onde daban a volta cara a rotonda da Proba para coller pola avenida de Galicia ata o colexio.
Velando pola seguridade dos ciclistas estaban membros da Policía Local do Barco, da Garda Civil de Tráfico, do GES Valdeorras e de Protección Civil do Barco.
Tal como adiantan dende o centro, os maiores tamén terán a súa saída pero o percorrido será máis longo e por diferentes partes da comarca.



Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver e cedidos.