En portadaÚltima horaVídeos

Nova manifestación de Asilival no Barco para reivindicar un pneumólogo fixo para o Hospital de Valdeorras

Para o vindeiro xoves, 21 de maio, está convocada unha concentración na praza Otero Pedrayo de Viloira

 

Un xoves máis, a Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) volvía ás rúas para expresar a súa principal reivindicación: que se dote ao Hospital Público de Valdeorras dun Servizo de Pneumoloxía. Ao berro de, “queremos un pneumólogo para Valdeorras” e “non nos mires, únete”, unha manifestación partía ás 11h. deste 14 de maio fronte ao hospital do Barco e, tras percorrer as avenidas Conde Fenosa e Marcelino Suárez, a marcha remataba na praza do Concello. Entre tanto o tráfico estaba regulado pola Policía Local e pola Garda Civil.

 

 

Unha vez alí, o presidente de Asilival, Jose Rodríguez, incidía na demanda deste colectivo. “Vimos a reivindicar un médico, un especialista para o hospital”. Agradecía a participación nesta manifestación e tiña tamén unha especial lembranza para un concelleiro do BNG do Barco, Manuel Agra, “que sempre nos acompaña” e que agora se atopa convaleciente tras unha recente operación.

O presidente de Asilival tamén lamentaba que algunha das pancartas que se teñen colocado polo Barco acabe desaparecendo de forma continuada e convocaba á veciñanza a unha concentración o vindeiro xoves 21 de maio ás 11h. fronte á Casa Grande de Viloira.

Fotos: A.R.

Vídeos: O SIL.

 

Back to top button