OurenseÚltima hora

A Policía Nacional detén en Ourense a 13 persoas por varios delitos de falsidade documental, estafa e contra a seguridade social

O grupo utilizaba unha empresa carecedora de actividade para a elaboración de nóminas e contratos ficticios

 

Axentes da Policía Nacional, pertencentes á Brigada Provincial de Estranxeiría e Fronteiras, no marco da operación denominada policialmente “Cigala” e iniciada a comezos do presente ano, procedían á detención en Ourense de catro persoas (tres homes e unha muller), acusados da comisión de presuntos delitos de falsidade documental, estafa, contra a seguridade social e pertenza a grupo criminal.

“Os axentes comprobaron como o grupo criminal desarticulado, coa participación activa dos tres homes e adicional da muller, utilizan unha empresa carecedora de actividade, para elaboración de nóminas e contratos ficticios que posteriormente eran proporcionados a cidadáns de orixe estranxeira, previo pago presuntamente de cantidades de diñeiro aos investigados para a obtención da devandita documentación”, tal e como informa a Policía Nacional

Con estes trámites achegados polo grupo investigado, os cidadáns estranxeiros procedían á obtención dos Certificados de Rexistros da Unión de xeito fraudulento, entre outras xestións e así acceder a subsidios por desemprego e outras axudas sociais. Por iso, durante o transcurso da investigación xa foron detidas outras nove persoas por senllos delitos de falsidade documental e fraude á seguridade social, engade a Policía Nacional.

Tras o trámite das dilixencias policiais, os feitos foron postos en coñecemento da autoridade xudicial pasando ao seu dispor tres dos trece detidos na operación policial, como principais organizadores.

Back to top button