
Rozando as 4:30h. desta madrugada de 15 de maio producíase un accidente de tráfico no municipio ourensán de Sandiás. “Contra as 4:30 horas, un dos implicados explicou ao 112 Galicia de que tiveran unha saída de vía no quilómetro 4 da OU-531, en Couso de Limia”, segundo informa o 112 Galicia.
De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias puxeron os feitos en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Xinzo e dos servizos de mantemento da estrada. Tamén se informou ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, por se fose necesaria a súa intervención.
“Unha vez no punto, os medios confirmaron o falecemento dunha das persoas. Outros dous implicados resultaron feridos, un deles grave, e foron atendidos polos profesionais sanitarios”, indica o 112 Galicia, engadindo que “os bombeiros rastrexaron as proximidades do vehículo ante uns indicios que apuntaban a que podía haber un cuarto ocupante, mais finalmente non atoparon a ninguén na zona”.
Fotos cedidas.
