En portadaÚltima horaVídeos

Un Túnel do Viño con 28 referencias abre en Valdeorras unha intensa programación da Primavera das Portas Abertas da Ruta do Viño

Desenvolverase durante esta fin de semana con multitude de actividades e a participación de ata 14 adegas

 

Cun interesante túnel do viño de ata 28 referencias arranca neste venres 15 de maio ás 20h. unha nova edición da Primavera de Portas Abertas na Ruta do Viño de Valdeorras, que se desenvolverá con multitude de actividades nesta fin de semana. Un cento de persoas participaban nesta experiencia que se abría coa intervención do presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Marcos Prada Ginzo., no Pazo do Castro (O Barco). “Esta é unha experiencia de cata en formato libre que permitirá aos asistentes descubrir ata 28 viños da Denominación de Orixe Valdeorras, nun ambiente distendido e acompañado de música”, dicía Marcos Prada, ao inicio do acto que contaba coa presenza de autoridades como alcaldes e tamén coa do pregoeiro da XXVII Feira do Viño de Valdeorras, o actor barquense Christian Escuredo.

Ademais adiantaba que nesta fin de semana “temos moitas actividades que están feitas con moito cariño, con moito traballo da xente da comarca de Valdeorras e dos asociados da Ruta do Viño de Valdeorras. Imos ter varios autobuses que van vir de Galicia a visitarnos, a coñecernos, a degustar os nosos viños e produtos gastronómicos e a desfrutar da nosa paisaxe, a desfrutar desta fin de semana con nós”. E incidía en que todo isto é posible grazas ao apoio de Turismo de Galicia.

 

 

Así, aínda que non podía estar presente fisicamente no acto, o director de Turismo de Galicia, o valdeorrés Xosé Manuel Merelles, enviaba un vídeo que se proxectaba no acto inaugural das xornadas. Nel, Merelles expresaba o seu desexo de que estas xornadas se desenvolvan do mellor xeito posible “con visitantes por toda Valdeorras que se leven o mellor que nós sabemos ofrecerlles como valdeorreses. Cremos que van ser unhas xornadas especialmente produtivas para toda a comarca, quero transmitirvos un saúdo especial a todos aqueles que estades na organización deste acontecemento e que poñedes o listón de Valdeorras á altura dos mellores destinos de enoturismo de España”.

 

Vídeo cedido.

Neste senso, Merelles lembraba que a comarca traballa nun plan de sostibilidade turística, que lembraba que se tiña que rematar antes do 30 de xuño e tamén, “a través da nosas accións de cohesión en destino, fomos quen de poñer ao alcance dos empresarios e dos adegueiros subvencións para organizar as súas adegas e os seus espazos para ofrecer o mellor enoturismo posible. Sentamos as bases do que xa se está convertendo nun produto moi sólido e consolidado á altura da calidade dos viños de Valdeorras, ese godello que é puro e que esta agora mesmo nos mellores momentos da súa historia e ben merece o noso traballo”.

 

 

Por outra banda, o director de Turismo de Galicia lembraba outros proxectos que desenvolverá Turismo de Galicia como o concerto de Luar na Lubre no Santuario das Ermidas o vindeiro mes de xullo, así como a súa colaboración no SilFest, a organización do Son da Estación e a súa colaboración con iniciativas como o Camiño das Covas de Seadur (Larouco) para “facer un destino cada vez máis potente, ilusionante para todo aqueles que traballades nel. Valdeorras ben merece que estas xornadas poidan ser as mellores das que se celebraron ata agora”.

Tras o saúdo do director de Turismo de Galicia, tomaba a palabra a recoñecida sumiller que coordinaba o Túnel do Viño, Mercedes González, quen explicaba os diferentes tipos de viño que os participantes ían poder degustar nel. González, recoñecía que era un pracer voltar a Valdeorras e concretaba que en total no túnel podían catarse 28 viños. “Trátase de moverse e de probar o máximo posible das adegas da ruta que se apuntaron a este túnel do viño. A estrutura que eliximos é a de cata, degustar con atención, porque seguro que hai moitas cousas que non coñecemos, entón hoxe é unha ocasión idónea”.

 

 

Entre os viños que podían catarse estaban un rosado, ademais de mencías, garnachas tintureiras, mesturas de castes tintas e godellos, de diversas zonas e solos da D.O. Valdeorras. “Hai unha representación de todos, temos tamén unha mestura de castes ancestrais tintas como é o brancellao e caíño, ademais de monovarietais en mencía con maduracións en distintos tempos, e logo un grupo de tintos con ensamblaxe de castes con mencía, albarello, merenzao nalgúns casos e garnacha, tamén temos representada a garnacha tintureira tamén con distintos tempos e despois, ao final, merenzao en tintos, é un luxo desfrutar hoxe de todo este panorma de tintos que hai na zona”, dicía Mercedes González.

 

 

E, no caso dos brancos, amósabe a pureza da godello achegando todo o seu poderío, e despois outro “grupo de viños nos que xa se fixo un traballo con lías, que pode ser dos tres meses a tempos máis longos, incluso algún con algunha lixeira maduración en barrica, e logo, cara ao fondo, hai fincas esas parcelas que definen esas mestura de solos”, concluía Mercedes González.

Nesta edición das xornadas participan un total de 14 adegas: Bágoa, A Coroa, Alan de Val, Melillas e Fillos, O Casal, Roandi, Bodegas Blare, Bodegas Godeval, Cova da Xabreira, Joaquín Rebolledo, O Luar do Sil, Quinta da Peza, Sampayolo e Terriña.

 

 

 

 

Programación

O sábado 16 de maio será o día central do evento, con propostas que combinan deporte, cultura, benestar e enoturismo. Entre elas destacan a ruta de montaña con ascenso a Pena Trevinca, o paseo cultural “Temos un camiño” polo Barco de Valdeorras, e unha experiencia de meditación entre viñedos que inclúe visita a adega e degustación. Ademais, O Bolo ofrecerá visitas guiadas ao seu patrimonio histórico, incluíndo santuario, castelo e museo.

Para quen busca experiencias máis exclusivas, as adegas da ruta deseñaron actividades premium como catas de espumosos, catas a cegas, percorridos por covas e viñedos, así como eventos que combinan viño, música e gastronomía. A xornada completarase con propostas gastronómicas como ceas cóctel e degustacións de produtos locais.

 

 

O domingo 17 de maio, o programa invita a desfrutar con calma da esencia de Valdeorras. Entre as actividades previstas inclúense a cata “Entre viños e queixos”, roteiros de sendeirismo con historia como a de San Xil e Pa de Cabras, e unha sesión vermú para despedir a fin de semana nun ambiente relaxado.

Durante toda a fin de semana, os asistentes poderán participar en visitas guiadas a adegas con degustación, desfrutar de menús especiais en restaurantes da zona maridados con viños do D.O., así como beneficiarse de ofertas en aloxamentos.

Esta iniciativa é posible grazas á colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, que apoia a promoción do enoturismo como motor de desenvolvemento do territorio. Para máis información sobre o programa completo e a reserva de experiencias, os interesados poden consultar a web oficial da Ruta do Viño de Valdeorras

Fotos: Carlos G. Hervella.

Vídeos: O SIL.

 

Back to top button