En portadaÚltima horaVídeos

A XXVII Feira do Viño de Valdeorras, que contará con 22 adegas, preséntase en Santiago

O acto contaba co presidente do CRDO Valdeorras, que estaba acompañado polo director de Turismo de Galicia e polo director da Agacal

 

A Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela acollía este mediodía o acto de presentación da XXVII Feira do Viño de Valdeorras, que se celebrará do 29 ao 31 de maio no campo da festa do Barco de Valdeorras, coa participación de 22 adegas.

O acto contaba coa presenza do presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Marcos Prada Xinzo (cuxa intervención tivo que ser lida por outro dos asistentes debido a un problema de afonía); que estaba acompañado na mesa polo director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e polo director da Agacal, Martín Alemparte.

Así, no discurso de Prada aludíase a que neste ano a D.O. Valdeorras vai celebrar o seu 80 aniversario e tamén mencionaba o 50 aniversario do Proxecto Revival, a iniciativa que supuxo a recuperación de cepas autóctonas de godello. “Somos o berce do godello e toda a variedade deste tipo de uva que existe no noso territorio procede dos inxertos daquel viveiro”, sinalou, aludindo ao “crecemento exponencial” na demanda destes viños. É por iso, explicou, que o cartel desta edición da feira se centra na variedade co lema “Regodéllate co godello, 100% de Valdeorras”. Prada puxo en valor o resto de variedades de uvas brancas e tintas da denominación de orixe, cada vez máis aprezadas no mercado.

O acto inaugural do certame será o venres 29 de maio ás 19:30h. coa lectura do pregón, desta volta en mans do actor barquense Christina Escuredo. Ademais das degustacións ao longo da fin de semana, a mostra contará con catas, un showcoking, actividades infantís e, por suposto, música para animar o recinto feiral.

O horario da feira abranguerá das 19,30 horas ás 00,00 horas da tarde do venres; o sábado, 30, en sesión de mediodía, de 12,00 a 15,00 horas, e de tarde-noite de 20,00 a 00,00 horas; e o domingo de 12,00 a 16,00 horas.

No discurso de Prada tamén se mencionaban os cambios nesta edición da Feira. O primeiro darase na localización, que se traslada ata o Campo da Festa no Paseo do Malecón do Barco, un emprazamento máis céntrico co que se quere mellorar a accesibilidade do público. Ademais, suma un día, posto que comezará o venres en vez de o sábado, como viña sendo habitual nos últimos anos.

Outro dos aspectos novidosos é o reforzo da programación, cunha forte aposta pola gastronomía e as actividades musicais, culturais e infantís. Entre as actividades destacadas está a cata dunha selección de viños da D.O. Valdeorras, maridados con produtos de Artesanía Alimentaria, marca de calidade da Xunta de Galicia, que se desenvolverá o sábado ás 20 horas. Posteriormente, ás 21:30 horas, haberá un showcooking do cociñeiro Xosé Manuel Mallón, que acompañará os seus pratos cunha selección de viños da D.O. Valdeorras. Ademais, na zona gastronómica poderase degustar durante as tres xornadas unha selección de produtos de Artesanía Alimentaria. Nos tres días de Feira sucederanse as actuacións musicais.

A programación infantil desenvolverase maiormente no Xardín Botánico, ao lado do Campo da Festa, onde haberá inchables, obradoiros, pintacaras, xogos tradicionais e outras actividades lúdicas para a poboación máis nova.

Previo á feira desenvolverase a Ruta dos Pinchos da XXVII Feira do Viño de Valdeorras, que entre o martes 26 e o venres 29 unirá a establecementos do Barco (10 locais) e da Rúa (2 locais) nesta actividade gastronómica, organizada en colaboración coa Asociación Empresarial de Valdeorras, AEVA.

A feira compleméntase cunha coidada proposta de actividades paralelas gastronómicas -pulpo, churrasco, paella, embutidos…- e de lecer. Na zona verde do Malecón, a carón do río, habilitarase un espazo para catas, con actividades como unha degustación de viños de Valdeorras maridados con delicatessen galegas o sábado ás 20:00 horas, e un showcooking do recoñecido chef galego Jose Manuel Mallón ás 21:30 horas. Xunto a isto, unto a isto, no xardín botánico desenvolveranse actividades pensadas para o público infantil, con propostas lúdicas e educativas relacionadas coa viticultura, convertendo así a feira nun evento para todos os públicos.

Non faltará a música. A programación musical contará co Grupo América o venres ás 23:00 horas, coincidindo ademais co seu 50 aniversario, e coa orquestra Olympus o sábado á mesma hora. Tamén durante a fin de semana haberá charangas animando o ambiente como Charandonga, o sábado, ou charanga Terras do Bibei, o domingo. Por outra banda, no marco da feira terá lugar unha ruta de petiscos coa participación de 12 locais de hostalaría, dez do Barco e dous da Rúa.

 

 

Alemparte comentaba na súa intervención, na que falaba do estreito vencello desta denominación co seu territorio e lembraba a importancia do proxecto REVIVAL, que supuxo hai cincuenta anos, a recuperación da variedade godello, que ten consolidado a Valdeorras. Ademais convidaba ao público a asistir a esta mostra.

 

 

 

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, apuntaba que Denominación de Orixe Valdeorras, que nacía en 1945, é unha das máis antigas de Galicia “xunto coa do Ribeiro” e “nestes 80 anos de historia deu mostras dun gran labor de superación de moitas dificultades e de saber poñer en valor eses viños, realmente cunha calidade contrastada internacionalmente, presentes en moitas guías e con moitas valoracións que demostran que os viños de Valdeorras, e nomeadamente, o godello están entre os mellores do mundo”. Tamén incidía en que ao longo das décadas a D.O. ten consolidado “todo un entramado e unha forma de vida arredor do viño”.

 

 

Merelles salientaba, dende o punto de vista turístico, o gran esforzo que se está a facer tanto por parte do consello regulador como dos empresarios para impulsar o enoturismo, tendo en conta ademais o marco da Ruta do Viño de Valdeorras. Aseguraba que o enoturismo é un elemento diferenciador e que lle achega autenticidade á oferta de Galicia como destino.

 

 

Adegas participantes

  • A Cova da Xabreira
  • Adega A Bágoa
  • Adega A Coroa
  • Adega Alan de Val
  • Adega Arnadoval
  • Adega Melillas – Lagar do Cigur
  • Adega O Casal
  • Adega O Cepado
  • Adega Quinta da Peza
  • Barón do Sil
  • Bodega Cooperativa Jesus Nazareno
  • Bodega Godeval
  • Bodega Hacienda Ucediños
  • Bodega Roandi
  • Bodega Sampayolo
  • Bodega Santa Marta
  • Bodegas Blare
  • Cía. Vinos Telmo Rodriguez
  • D´Berna
  • Terriña
  • Viña Costeira
  • Virgen del Galir

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button