
Esta madrugada, arredor das 4:15 horas, un particular poñíase en contacto co 112 Galicia solicitando asistencia sanitaria para un motorista que acababa de chocar contra outro vehículo no quilómetro 9 da OU-101, en Solbeira (Paderne de Allariz).
De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activaron un operativo no que participaron “Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, o GES do Pereiro de Aguiar e os servizos de mantemento da estrada”, segundo informa o 112 Galicia.
Unha vez no lugar do sinistro, os servizos de emerxencias confirmaban que o ferido estaba en estado grave. Foi finalmente evacuado en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, segundo os datos do 112 Galicia.