
Iberdrola vén de conmemorar en Bilbao os seus 125 anos de historia nun acto de homenaxe ás persoas e institucións que contribuíron á historia centenaria da compañía. Durante a celebración, que contou coa presenza do lehendakari, Imanol Pradales, presentouse un libro conmemorativo que percorre o pasado, o presente e as perspectivas de futuro de Iberdrola na chamada “era da electricidade”, tal e como a denomina a Axencia Internacional da Enerxía.
O libro estrutúrase en tres grandes bloques. O primeiro repasa a historia de Iberdrola desde as súas orixes, en Bilbao, en 1901. O segundo céntrase na profunda transformación da compañía nos últimos 25 anos nos que, grazas aos investimentos en redes, renovables e almacenamento enerxético e a aposta pola expansión internacional, Iberdrola converteuse na maior eléctrica de Europa e unha das dúas máis grandes do mundo por capitalización. Finalmente, a terceira parte proxecta o futuro do sector eléctrico e o papel de Iberdrola nunha etapa caracterizada pola electrificación da economía.
Na súa intervención, o presidente executivo de Iberdrola, Ignacio Galán, subliñou que esta publicación é, ante todo, un recoñecemento a quen fixo posible a traxectoria de crecemento e servizo á sociedade de Iberdrola. “A Iberdrola de hoxe é o resultado dunha suma de esforzos, un proxecto integrador que foi crecendo sen perder nunca as súas raíces vascas”, asegurou Galán.
Pola súa banda, o lehendakari resaltaba que “Iberdrola é filla da primeira industrialización vasca. E é, 125 anos despois, unha peza crave para acometer o renacer industrial e tecnolóxico vasco e europeo”. “Coincidimos na aposta por un marco regulatorio estatal que incentive o investimento en redes eléctricas, e aproveite as ferramentas económicas e fiscais que ofrece a UE. Xogámonos o presente e o futuro do noso emprego e actividade industriais, e a posibilidade de que cheguen novos proxectos a Euskadi”, concluíu Imanol Pradales.
Ao acto asistiron outras autoridades, como a deputada xeral de Bizkaia, Elixabete Etxanobe, e o alcalde de Bilbao, Juan Mari Aburto, así como membros do Consello de Administración e o equipo directivo de Iberdrola e representantes dos empregados, xubilados, provedores, accionistas e outras organizacións estreitamente vinculadas á historia de Iberdrola.
O evento contaba con actuacións da Sociedade Coral de Bilbao e a Orquestra Sinfónica de Bilbao e foi presentado por Anne Igartiburu.

Celebración coa sociedade
A conmemoración dos 125 anos de historia de Iberdrola estenderase tamén ao conxunto da sociedade nunha gran celebración que consistirá nun festival de música con artistas de prestixio nacional e internacional aberto ao público, seguido dun espectáculo de luces visible desde gran parte da cidade.
Estes actos enmárcanse no extenso programa que a compañía está a despregar por toda España para celebrar os seus 125 anos. Baixo o lema 125 anos luz, a axenda inclúe exposicións de tecnoloxía e arte, festivais de música, eventos sociais e iluminacións de edificios singulares e monumentos para celebrar co público en xeral unha traxectoria marcada polo compromiso coas persoas e a súa contribución ao progreso a través da electrificación.
Fotos e vídeo cedidos.