
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que a Xunta destinou preto de 33.000 euros a unha actuación integral que permitiu acometer a recuperación ambiental e restauración de infraestruturas da contorna do miradoiro da Pena do Conde, no Concello de Sober.
Segundo explicou a conselleira durante a visita a esta zona, que se viu afectada polo lume o pasado verán, a reconstrución do miradoiro levouse a cabo ao abeiro da orde de axudas convocada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a reparación de danos causados polos incendios forestais en infraestruturas de uso público localizadas en espazos naturais protexidos.

Neste caso, o Concello de Sober recibiu unha axuda de preto de 15.000 euros para a recuperación integral do miradoiro da Pena do Conde, que é o primeiro da Ribeira Sacra sobre o Canón do río Cabe e que, ademais, forma parte dunha rede distinguida co selo de Calidade Turística de España. Nese senso, a conselleira subliñou a importancia de recuperar “un dos enclaves paisaxísticos máis singulares do concello”.
Nese senso, a actuación consistiu no reforzo da estrutura metálica mediante cordóns de soldadura e endereitamento dalgunhas chapas; nova construción de plataformas e escaleiras con madeira de pino tratada; reposición do chan da pasarela metálica e revestimento das paredes interiores da mesma con madeira de pino tratada; e reposición de bancos e cartelaría con información gráfica.
