CulturaCulturaÚltima hora

Labores de consolidación arqueolóxica nesta campaña no Castro de Valencia do Sil (Vilamartín)

 

Cando se escava un xacemento, ademais do labor arqueolóxico e cientifico, que acostuma ser o principal, hai outra parte quizais menos visible, pero tamén fundamental para garantir a seguridade, tanto de investigadores como de visitantes, do lugar e para preservar a continuidade deses antigos restos, que durante séculos estiveron cobertos pola protección da terra. É a dos profesionais da restauración e consolidación. E unha mostra clara dese traballo que fan para preservar un xacemento podía verse na campaña que está a piques de rematar no Castro de Valencia de Sil (Vilamartín de Valdeorras).

A intervención realizábase, principalmente, nunha área que se abría na última campaña na parte do xacecemento máis escavada. “Comezaron a escavar alí e foron saíndo algunhas estruturas, pero é un terreo moi pendente e había algún muro que, ao descubrilo podía presentar problemas de estabilidade e entón, este ano, viuse necesario combinar as tarefas arqueolóxicas coas de consolidación”, explican dende o equipo de restauración.

 

 

O traballo destes profesionais duraba tres días e centrábase neste punto do castro. O seu obxectivo era consolidar os restos, tendo en conta o risco que presentaban algúns dos muros, “garantir a seguridade e evitar perigo para os arqueólogos que están traballando no xacemento”. E, ao mesmo tempo, garantir a seguridade das persoas visitantes, xa que durante a campaña o lugar está aberto ao público.

O seu labor tamén contribúe a facilitar á lectura e comprensión do Castelo, xa que permite intuír mellor as diferentes estruturas, ademais de mellorar a seguridade e estética do mesmo. E asegura a continuidade deste patrimonio arqueolóxico de cara ao futuro.

Outra faciana importante da intervención do equipo restaurador foi a didáctica e educativa, xa que no seu traballo tamén participaban os estudantes do mestrado en Arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universidade de Vigo.

Dende o equipo restaurador destácanse singularidades do Castelo de Valencia do Sil, fronte aoutros xacementos, como é o gran condicionante do relevo e dos materiais cos que está construído, así como a súa canalización, que revela un importante grao de urbanismo e planificación. Tamén o feito de contar con paredes de estucado que, dada a humidade de Galicia, no resultan doadas de atopar, o o feito de conservar o opus caementicium (o formigón romano).

 

Back to top button