SanidadeÚltima hora

Taller de Primeiros Auxilios para Bebés, promovido por De Nai a Nai no Barco

A enfermeira pediátrica Beatriz Rodríguez./ Foto: A.R.

 

Desde a asociación De Nai a Nai, dedicada ao apoio á lactación materna e á promoción dunha crianza respectuosa, organizarase o vindeiro mércores 3 de xuño de 2026, de 17.00 a 19.00 horas, un “Taller de Primeiros Auxilios para Bebés e Primeira Infancia” na sede da asociación (edificio da Biblioteca Pública) no Barco de Valdeorras.

A actividade será impartida pola enfermeira pediátrica Beatriz Rodríguez Collazo, do Centro de Saúde do Barco, quen ofrecerá ás familias ferramentas prácticas e coñecementos básicos para actuar ante situacións de emerxencia que poden producirse durante os primeiros anos de vida dos nenos e nenas.

O taller celebrarase na rúa Academia Dequit nº 6, 4º piso, no edificio da Biblioteca Pública do Barco de Valdeorras, e está dirixido a mais, pais e persoas coidadoras, interesadas en aprender pautas básicas de actuación en casos como atragoamentos, feridas ou accidentes domésticos.

Desde De Nai a Nai destacan “a importancia de achegar este tipo de formación ás familias, xa que coñecer como actuar nos primeiros minutos ante unha emerxencia pode marcar unha gran diferenza. O noso obxectivo é ofrecer información útil e accesible, creando ademais espazos de apoio e acompañamento para as familias”.

A asistencia é gratuíta, aínda que as prazas son limitadas, polo que é necesario realizar inscrición previa a través do correo electrónico: denaianai@gmail.com.

A actividade conta coa colaboración do Concello do Barco.

 

Back to top button