Na mañá deste 27 de maio a vila do Barco convertíase en escenario do acto conmemorativo coa que a Comandancia da Garda Civil de Ourense celebraba o 182 aniversario da fundación do Corpo. A partir das 12h. a praza do Concello acollía a celebración, presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o comandante xefe accidental da Compañía de Ourense, Benito Santamarina; e o alcalde do Barco, Aurentino Alonso; na que se daba lectura ao decreto fundacional da Garda Civil e despois procedíase a imposición de condecoracións, ademais de facerse unha mención especial aos gardas civís retirados, representados neste caso polo capitán valdeorrés Justo Gamarra, de 94 anos.
A partir de aí tiñan lugar as intervencións das autoridades, que abría o comandante xefe accidental da Comandancia da Garda Civil de Ourense. “A Garda Civil é unha das institucións máis antigas e respectadas de España. Ao longo da súa historia ten encarnado valores como o honor, a disciplina, a lealdade e a vocación de servizo. Hoxe no 2026, seguimos sendo herdeiros desa tradición de sacrificio, de entrega e en ocasións de perda da vida no cumprimento do deber”. E incidía no traballo “discreto e constante de todos os que vestimos este uniforme, todo iso en beneficio dos cidadáns ourensáns e, en particular hoxe, dos de Valdeorras”.

Benito Santamarina tamén se refería á recente emerxencia vivida o pasado verán por mor da vaga de lumes, que tocaba de cheo a Valdeorras, xa que a comarca sufría o maior incendio da historia de Galicia, que marcou un antes e un despois, e “con cuxa investigación continuamos”. Lembraba como durante aqueles días a Garda Civil traballaba de forma coordinada cos servizos de emerxencia, Protección Civil, axentes forestais, bombeiros, outros corpos policiais e coas forzas armadas. Nesa situación quedou claro que a coordinación salva vidas, grazas a esa coordinación evitouse a perda de vidas humanas, o que constitúe o maior éxito de todos”.
Así mesmo facía unha mención o labor dos gardas veteranos, que precederon no servizo aos axentes actuais, citando a Justo Gamarra, o “garda civil de maior idade”. Finalmente, felicitaba aos gardas civís condecorados e animábaos a “continuar na mesma liña”.

A continuación, o subdelegado, Eladio Santos, poñía en valor “o labor silencioso, paciente, rigoroso e constante” que realiza a Garda Civil na provincia, destacando o seu papel esencial na protección da cidadanía e na garantía da convivencia. “A realidade da provincia de Ourense non se entende sen o traballo diario da Garda Civil, que representa a primeira resposta ante as chamadas de auxilio e unha referencia permanente para veciños e veciñas, especialmente no rural. En casos de emerxencia sempre está presente a Garda Civil”.
Así mesmo, Santos apuntaba que “vivimos tempos complexos en materia de seguridade” e aludía, en concreto, ao desafío que supón a loita contra a ciberdelincuencia e a protección das vítimas de violencia machista, ámbitos nos que destacou “a capacidade de adaptación e profesionalización constante” do corpo. Neste sentido, lembrou que “a Garda Civil do século XXI xa utiliza novas metodoloxías e ferramentas para facer fronte ás novas formas de delincuencia, sempre desde o coñecemento, a análise e criterios estritamente profesionais”.
O subdelegado destacaba así mesmo os resultados acadados nos últimos anos en materia de seguridade cidadá. “O esclarecemento de delitos contra as persoas medrou un 22 % desde 2019 e un 23 % no caso dos delitos contra o patrimonio”.
Finalmente, tomaba a palabra o alcalde do Barco, quen agradecía que a Comandancia escollese este concello da provincia para celebrar nel esta conmemoración. “É unha honra tervos aquí e que a cidadanía da comarca poida participar nesta celebración”.

Tamén se refreía ao labor da Garda Civil, que permite “desfrutar do estado de benestar propio dunha vila segura e protexida”, cun “recordo moi especial para todos aqueles que, dun xeito ou doutro, participastes activamente xunto con outros corpos de seguridade ou de emerxencias, nos dispositivos montados a raíz dos incendios que asolaron a nosa comarca o ano pasado”.

O acto contaba coa asistencia de numerosas autoridades,entre elas deputados e senadores, alcaldes e alcaldesas da comarca, representantes da Policía Nacional, Policía Local, aa Policía Autonómica, a Garda Nacional Republicana (GNR) de Portugal e representantes de organizacións empresariais e culturais da provincia.
Despois, rendíase unha homenaxe aos caídos, interpretábase o himno do Corpo e, finalmente, actuaba a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e dábase paso ao desfile que saía da praza do Concello, pasaba Marcelino Suárez e tras acadar o inicio da avenida Conde Fenosa, daba a volta e volvía á mesma praza do Concello.
A conmemoración remataba no pavillón de deportes vello do Barco onde tiña lugar un brinde pola súa Maxestade o Rei.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.
