En portadaÚltima horaVídeos

A XXV Convivencia de Educación Infantil Cholo e Nela reivindica o valor do xogo como ferramenta educativa, no Barco

O CEIP Julio Gurriarán acollía este encontro educativo de referencia, con 500 nenos de infantil e 300 adultos, entre profesores, pais e mais e colaboradores

 

“Cholo, Nela, Cholo, Nela!”. Era a chamada insistente dos 500 nenos e nenas participantes na XXV Convivencia de Educación Infantil, á que dan nome estes dous personaxes, contra as once da mañá deste 28 de maio. Agardaban por eles no patio do CEIP Julio Gurriarán do Barco para arrancar este intenso encontro educativo e lúdico, que neste curso ten como lema “Cholo e Nela. Construtores de Brinquedos”. Así, a temática central desta volta eran o xogo e os xoguetes, tanto tradicionais como creados a partir de materiais de refugallo ou reciclado, nunha chamada á tradición e ao xogo entre iguais, cooperativo, activo e sostible, fronte ao uso masivo das pantallas. E, ademais, incidíase no xogo “como arma de paz e de socialización entre nenos e maiores, algo tan necesario e preciso nestas datas”.

 

 

Arredor das dez e media comezaban a chegar os primeiros grupos dos 13 colexios participantes este ano: os CEIPs Condesa de Fenosa, Julio Gurriarán e Otero Pedrayo do Barco, ademais do Colexio Divina Pastora; os CEIPs O Bolo, Casaio, de Manzaneda, Manuel Bermudez Couso da Pobra de Trives, Virxe do Camiño de Rubiá, Manuel Respino e Colexio Pablo VI-Fátima da Rúa, o CEIP A Veiga e o CPI Tomás Terrón Mendaña de Sobradelo.

 

 

Á entrada do centro eran recibidos por membros do seminario organizador dese encontro, entre saúdos, a banda sonora desta edición (composta polo grupo de Cholo e Nela) e sorprendentes e refrescantes pompas de xabón, que sorprendían tanto a nenos como a maiores. “Esta convivencia supón a concentración duns 500 nenos acompañados dos profesores e colaboradores, duns 300 pais ou mais, o que lle dá a este día unha entidade propia e que ten unha grande repercusión”, din os promotores.

 

 

 

A partir de aí, os participantes ían concentrándose no patio cuberto, agardando un momento moi especial, a esperada chegada de Cholo e Nela, entre aplausos e saúdos. Esta singular parella subíase ao escenario acompañando ao grupo da convivencia que interpretaba a canción deste ano. Despois, os diferentes grupos distribuíanse polas diferentes zonas de actividades.

 

 

A convivencia, marcada este ano por unha intensa calor, mantiña unha dinámica semellante a outros anos. Así, ao longo do curso os nenos traballaban cunha unidade didáctica centrada nesta temática do xogo. E neste día había unha serie de actividades por zonas: xogos, obradoiros, contacontos, exhibicións (contando coa presenza da Garda Civil, Policía Local, Ambulancias, GES e Protección Civil), ademais de inchables, colchonetas, música e algunha que outra sorpresa.

 

 

Entre os asistentes á convivencia había este ano autoridades como o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, entre outras educativas.

Ao mediodía, como de costume, tiña lugar un xantar popular para os nenos e nenas, e tamén para os maiores colaboradores e participantes. Despois, está previsto que a xornada remate coa tradicional actuación da banda de Cholo e Nela (que tamén adoita saír ao escenario ao inicio da convivencia), que interpretará as cancións máis coñecidas dos últimos anos deste encontro educativo, lúdico e festivo. Ademais, poderá escoitarse a canción deste ano, “Brinquedos de Paz”.

 

 

Esta convivencia está organizada polos profesores de infantil do oriente ourensán e con ela preténdese que os rapaces “dos distintos centros do noso ámbito se relacionen e realicen conxuntamente actividades educativas de interese cara á súa formación”, indican os promotores.

Fotos: A.R.

Vídeos: O SIL.

 

Back to top button