A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) vén de celebrar esta tarde a súa asemblea xeral, que reunía a unha ampla representación de autoridades civís, militares, empresariais e institucionais, poñendo de manifesto o respaldo ao traballo que desenvolve a CEO e ao seu papel como voz de referencia do tecido empresarial ourensán. No decurso da xuntanza presentábanse os resultados económicos correspondentes ao último exercicio e se expoñían as liñas estratéxicas que orientarán a actuación da organización durante os próximos anos.
Esta entidade pechaba o exercicio cun beneficio de 61.000 euros, fronte aos 17.000 euros rexistrados o ano anterior, “o que supón unha mellora significativa da súa situación financeira”. Así mesmo, o orzamento experimenta un incremento de 234.000 euros, impulsado polo crecemento das actividades, proxectos e servizos #desenvolver# ao longo do último ano.
Durante a súa intervención, David Martínez, presidente da CEO, destacaba o notable aumento da actividade da entidade, que consolidou o seu papel como axente crave para o desenvolvemento económico e empresarial da provincia. Neste sentido, quixo recoñecer de forma expresa o esforzo e a implicación de todo o equipo humano da organización, subliñando o seu compromiso coa mellora continua. Tamén puxo en valor o labor desempeñado polo secretario xeral, cuxa capacidade de coordinación e liderado foi determinante para impulsar este avance.

Catro piares estratéxicos para un Ourense competitivo e próspero
O presidente aproveitou a asemblea para presentar os catro piares estratéxicos que guiarán a súa xestión e que forman parte do proxecto “4OurenStrategic”. En primeiro lugar, situaba ás infraestruturas como unha prioridade absoluta, reclamando avances efectivos en materia de comunicacións, mobilidade e dispoñibilidade de chan industrial, unha cuestión que cualificou como unha das principais materias pendentes da provincia.
O segundo eixo estratéxico céntrase no talento, a formación e o Observatorio de Capital Humano, co obxectivo de impulsar a cualificación profesional, favorecer a retención de talento e dar resposta ás necesidades reais das empresas.
O terceiro piar está orientado á internacionalización, a dixitalización e a mellora da competitividade empresarial. Neste ámbito, a CEO reforzará iniciativas como o programa Exportou, fomentará o asociacionismo empresarial e continuará apoiando a modernización do tecido produtivo ourensán.
Finalmente, o cuarto eixo aborda de forma integral os retos demográficos, a vivenda, a atracción de investimento e o aproveitamento do potencial estratéxico do AVE como ferramentas para converter Ourense nun territorio cada vez máis atractivo para vivir, traballar e investir.
David Martínez subliñaba que a consecución destes obxectivos require unha maior implicación das asociacións sectoriais, as empresas e os traballadores autónomos, así como unha visión compartida que permita construír entre todos unha provincia máis competitiva, conectada e próspera.

Igualmente, aproveitaba a súa intervención para facer unha análise da situación económica dos últimos meses na provincia destacando que Ourense mantivo durante o último ano unha evolución moderadamente positiva a pesar de un contexto internacional marcado pola incerteza xeopolítica, a volatilidade enerxética e financeira e as tensións comerciais. Aínda que os indicadores laborais mostran unha mellora en emprego e afiliación, persisten importantes retos estruturais como a escaseza de man de obra, o absentismo laboral, o envellecemento demográfico e a falta de remuda xeracional. Martínez tamén puxo de relevo o impacto da inflación e do aumento de custos sobre empresas e autónomos, así como a necesidade de seguir impulsando o emprendemento, o investimento, a formación e a simplificación administrativa para fortalecer a competitividade e a capacidade de crecemento do tecido empresarial ourensán.

Clausura
O acto de clausura da asemblea contou coas participacións de Gregorio Izquierdo, director de Economía de CEOE; Marta Nóvoa, vicepresidenta da Deputación de Ourense; José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración; e Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense.
Gregorio Izquierdo destacou na súa intervención a heteroxeneidade do tecido empresarial español e advertiu de que a crecente regulación e presión fiscal xeran incerteza e dificultan a capacidade de adaptación das empresas. Neste contexto, defendeu que as compañías deben manter unha vocación permanente de crecemento. Izquierdo subliñou ademais que a rendibilidade é unha condición imprescindible para crecer de forma sostible, xa que a baixa produtividade limita o tamaño empresarial e reduce o acceso a financiamento, talento e mercados internacionais. Así mesmo, defendeu que son as empresas as que impulsan o crecemento económico e non ao contrario, polo que considerou fundamental que as políticas públicas favorezan unha contorna propicia para o seu desenvolvemento e expansión.

Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación, Marta Nóvoa, resaltou a longa traxectoria de colaboración entre esta entidade e a Confederación, a través de proxectos e programas como Exportou, que consolidou a internacionalización de empresas ourensás nos seus dez anos de percorrido e que foi incorporando accións e servizos orientados ao tecido empresarial da provincia noutros ámbitos como dixitalización e sustentabilidade. Nóvoa destacou ademais o ‘importante papel que desempeña a CEO como elemento vertebrador do tecido empresarial da provincia, unha organización forte, unida e comprometida que é garantía para seguir avanzando nun contexto cada vez máis competitivo e cambiante’; e reiterou o compromiso da Deputación de seguir colaborando coa CEO para apoiar iniciativas que favorezan a innovación, a formación, a internacionalización e a creación de oportunidades para as empresas e as persoas.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo en valor o bo momento que atravesa o mercado laboral galego tras rexistrar o mellor maio da serie histórica tanto en afiliacións, con 1.111.867 cotizantes á Seguridade Social, como en paro, con 109.355 persoas desempregadas, fito que tamén se alcanza en Ourense con 13.453 persoas no paro, o mellor maio desde que hai rexistros. Para consolidar esta evolución positiva, González destacou o compromiso da Xunta de seguir acompañando o tecido produtivo e a entidades como a CEO nos retos que afrontan, entre eles a formación, a cobertura de vacantes ou a mellora do benestar laboral.
Fotos: Carlos G. Hervella.

