
Este mércores no Pazo de San Marcos de Lugo vén de presentarse a XXII edición da Festa da Cereixa, do Viño e da Aceite, que se celebrará esta fin de semana os días 6 e 7 xuño na praia fluvial de San Clodio (Ribas de Sil). No acto participaban o deputado de Promoción Económico e Social, Pablo Rivera Capón; o alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro González, e o produtor local de cereixa, Joaquín Vidal Núñez, presentaron e
Pablo Rivera sinalou que a institución provincial achega á celebración desta cita 9.000 euros con cargo ao Plan Deputación 2026, unha das citas máis destacadas da Ribeira Sacra. “Esta festa é un exemplo de promoción do territorio do territorio a través de tres produtos emblemáticos da comarca, que “reflicten a riqueza agrícola da zona e a capacidade da súa xente para transformar os recursos da terra nunha oportunidade de desenvolvemento e promoción”, sinalou.
O deputado destacou tamén que a contorna fluvial de San Clodio volverá ser “un magnífico escaparate” dos produtores e produtoras locais, da gastronomía e da paisaxe do municipio. Ademais, reivindicou unha forma de entender o rural “desde o orgullo e a confianza nas propias posibilidades” e animou á veciñanza de toda a provincia a achegarse á cita “para desfrutar dunha gran festa e coñecer un dos concellos máis singulares da Ribeira Sacra”.
Pola súa banda, o alcalde de Ribas de Sil agradeceu o apoio constante da Deputación e sinalou que esta cita cumpre dous obxectivos fundamentais. Por unha banda, “poñer en valor a produción agraria do municipio, especialmente a cereixa, principal reclamo da festa, así como o viño e o aceite”; e, por outra, “promover o principal recurso turístico da zona, a praia fluvial de San Clodio, co obxectivo de que as persoas atraídas pola cereixa se acheguen á festa de Ribas de Sil e coñezan tamén a contorna, para que volvan coas súas familias a desfrutar do enclave”. Así mesmo, o rexedor destacou que esta celebración forma parte da promoción dos produtos autóctonos do Xeoparque Montañas do Courel, que baixo o lema Os sabores das nosas rochas, agrupa as festas gastronómicas organizadas nos tres concellos que integran o Xeoparque para impulsar os produtos locais, como o aceite, a castaña, o viño, o mel e a cereixa.
2.000 quilos de cereixas, 250 litros de aceite e viño de sete adegas
A festa terá lugar na praia fluvial de San Clodio e contará coa participación de máis de 25 expositores, que porán a venda preto de 2.000 quilos de cereixas, 250 litros de aceite, así como produtos típicos da comarca, como mel, licores, queixos ou pezas artesanais. No apartado do viño, participarán este ano sete adegas, fronte ás dúas que iniciaron a súa presenza na festa, “o que evidencia o crecemento e a consolidación deste evento como motor de dinamización económica e social para Ribas de Sil”, subliñou Rivera Capón.
A programación comezará o sábado 6 de xuño coa apertura da feira e dos postos participantes, que darán inicio á actividade expositiva e de venda de produto local na contorna da praia fluvial de San Clodio.
O domingo 7 de xuño abrirá de novo o recinto feiral pola mañá e ao longo da xornada haberá animación musical a cargo da charanga Street Band e do grupo de gaitas Aikirindo, así como a exposición de pintura no aula de pesca. Ás 13.00 horas terá lugar a ofrenda floral do Corpus no adro da igrexa e, ás 13.30 horas, celebrarase a lectura do pregón a cargo da Subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López Rodríguez, pechando a xornada ás 18.00 horas cunha actuación final da charanga Street Band.