Comeza a conta atrás para o SilFest Valdeorras que do 2 ao 4 de xullo celebrará a X edición. E faino coa presentación que na mañá deste mércores 3 de xuño tiña lugar á beira do Sil, no Barco de Valdeorras, o idílico espazo no que se celebrará, consolidada como un festival de referencia non só na provincia senón en toda Galicia.



“Levar dez anos facendo un festival destas características nun lugar como Valdeorras, non é doado debido á voráxine festivaleira”, dicía Jorge Álvarez, codirector do festival, asegurando que sería impensable “sen a colaboración do Concello do Concello do Barco dende o minuto un, da Axencia de Turismo de Galicia, da Deputación de Ourense e dos patrocinadores como o Consellor Regulador da D.O. Valdeorras e Mahou que levan moitos anos ao noso carón”, dixo, sen esquecerse das moitas empresas que colaboran, confirmando o obxectivo do SilFest dende o princio, “que O Barco e Valdeorras fixera seu o festival”.
O SilFest Valdeorras mantén a mesma esencia coa que comezou no 2015, “unir neste entorno único, como é a praia fluvial do Malecón do Barco, música en directo de bandas súper solventes e outras emerxentes que anos despois están sendo cabezas de cartel doutros festivas”, dixo Jorge, convidando aos indecisos a “desfrutar da música, da gastronomía, do viño, da natureza e da programación paralela do Mini SilFes”. Asegura que seguen coa mesma ilusión “picando pedra, intentando facernos un oco entre os grandes”, e que se están vendendo moitas entradas fóra de Galicia (Cataluña, País Vasco, Madrid, Illas Canarias, amén de toda Galicia) “quedan os do Barco”, lanzaba a modo de convite.




Na presentación tamén estaba o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, o primeiro en intervir dando as “grazas á organización que siga apostando polo Barco e por este espazo, tendo ao Concello encantado de seguir colaborando xa que é un luxo contar cun festival deste calibre, con arredor dunha vintena de artistas que en tres días van facer que O Barco sexa o centro neurálxico da música”.
En representación da Deputación de Ourense estaba o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, quen asegurou que “sempre que se fala de zonas rurais, fálase do apoio ao sector primario ou á industria pero algo moi importante para a cidadanía é o acceso á cultura. Hai que apostar por ela e polo emprendemento cultural e que cada vez máis xente se sume a facer proposta porque a xente escolle para vivir lugares nos que poida ter acceso non só a servizos senón a unha ampla oferta cultural e festivais como este é magnífico porque xunta moitos dos referentes que temos, ademais de poder desfrutar en 20 km de tres climas diferentes para celebrar todo tipo de eventos, algo que diferencia a Valdeorras de calquera outro punto da xeografía española”.
Pechando a presentación, o director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles, facía unha dobre felicitación. “Por unha banda aos organizadores do SilFest por celebrar o X aniversario cun nivel musical tan elevado; e por outra ao alcalde do Barco por ter a sorte de contar cuns promotores como estes que organizan un dos festivais máis importantes dos que se celebran agora en Galicia e que temos a honra de que estén incluídos nos Festivais do Xacobeo, unha programación que o ano pasado foi quen de atraer a máis de 1,5 millóns de persoas en case 200 acontecementos”, dixo, destacando a importancia que ten para a Xunta este festival nunha comarca que vén de celebrar unha exitosa Feira do Viño de Valdeorras e que segue apostando polo enoturismo, poñendo en valor a capacidade do SilFest para detectar talento emerxente antes da súa consolidación no circuíto nacional. “Hai que valorar a gran capacidade que teñen os promotores de descubrir artistas que nun par de anos están triunfando en grandes festivales, como Carlos Ares ou Shinova”, sinalou.
Na presentación tamén estaban a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta; o xestor de Mercado do Grupo Mahou San Miguel, Gerardo Rodríguez; e secretaria do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Patricia de Andrés.
No puramente musical, o SilFest Valdeorras afronta este décimo aniversario cun cartel á altura, protagonizado por artistas da talla de Morgan, Hinds, A Paloma, Puño Dragón, L.A., Bum Motion Club, Sr. Jingles, A Gloria, Mazu ou Zabriskie, sen esquecer unha programación infantil encabezada por Paco Nogueiras.
Pero máis aló da música, SilFest aposta por unha programación pensada para desfrutar tamén do destino e do ritmo pausado de Valdeorras: kaiak no Sil, catas de viño, gastronomía local e actividades para todas as idades. Un formato boutique onde concertos e sesións conviven con descanso, natureza e tempo compartido. Unha proposta radicalmente afastada do modelo de macrofestival.

O SilFest Valdeorras aposta pola idea de que “un festival tamén pode ser unha viaxe, unha fin de semana durmindo xunto ao río na mellor compañía e, por suposto, desfrutando dos concertos sen abafos. En definitiva: un xeito distinto de vivir tanto a música como o verán”.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver