
O Salón de Plenos do Concello de Ourense acollía esta tarde o acto institucional con motivo do Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos 2026, organizado pola Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais de Ourense (ALCER Ourense). O evento, que contou coa colaboración do Concello, serviu para poñer en valor a xenerosidade dos e das doantes e concienciar a cidadanía sobre a importancia desta acción que salva vidas.
A celebración, que contou coa presenza de todos os grupos políticos municipais, comezou ás 18.30 horas coa apertura por parte do tenente de alcalde, Aníbal Pereira, á que seguiron as intervencións de Miguel Ángel Quintas, presidente de ALCER Ourense, e de Estefanía Prol, coordinadora de trasplantes do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Durante o evento proxectouse tamén un vídeo explicativo da doutora Cristina Pérez Melón.
O momento máis emotivo da xornada chegou co testemuño de Sonia e Verónica, que compartiron a súa historia de vida en torno á doazón en vida e á recepción dun ril. A clausura da sesión estivo a cargo da concelleira de Asuntos Sociais, Tamara Silva.
A celebración continuou na Praza Maior onde se puido presenciar a actuación da escola de baile Only You, en apoio á sensibilización sobre a doazón de órganos e tecidos.
