En portadaÚltima horaVídeos

O 59º Rallye de Ourense desenvolverase do 13 ao 15 de xuño polas estradas da provincia

 

Con preto de 150 quilómetros cronometrados distribuídos en seis tramos que se disputarán a dobre pasada, o 59º Rallye de Ourense Recalvi atravesará os municipios de Taboadela, A Merca, Celanova, Toén, Amoeiro, San Amaro, Cenlle, Ribadavia e Arnoia, ademais da cidade das Burgas. Así se desvelaba esta mañá na presentación desta competición, unha das probas máis prestixiosas do automobilismo español e a gran referencia do deporte do motor en Galicia, que se desenvolverá do 13 ao 15 de xuño. O acto tiña lugar na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO).

Entre os asistentes ao acto, ademais de responsables da Escudería Ourense, había autoridades poíticas como o presidente da Deputación, Luis Menor, e o delegado da Xunta na provincia, Manuel Pardo; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; ou o presidente da CEO, así como representantes da federación española, entre outras persoas.

O presidente provincial destacou que o Rally de Ourense transcende o ámbito deportivo para converterse nun dos grandes sinais de identidade da provincia. “O Rally de Ourense é moito máis ca un rally; é patrimonio emocional da provincia”, afirmou, lembrando que se trata dunha cita que forma parte da memoria colectiva de varias xeracións de ourensáns.

 

 

Luis Menor sinalou tamén que a proba reflicte o carácter da propia provincia, “coñecida polas súas augas termais, pola súa gastronomía, pola hospitalidade da súa xente e tamén por unhas condicións únicas que a converteron nun referente do deporte do motor”.

Neste sentido, destacou o papel da afección ourensá, que definiu como “extraordinaria, coñecedora e apaixonada”, así como a singularidade dos tramos e das estradas da provincia, que converten o Rally de Ourense nunha das citas máis esixentes e valoradas do Súper Campionato de España.

Repercusión económica e turística

O presidente da Deputación subliñou ademais a repercusión económica e turística do evento, que cada ano atrae milleiros de visitantes procedentes de toda España e Portugal. “O Rally é tamén un auténtico motor económico e social para Ourense, dinamizando a hostalaría, o comercio e os servizos e proxectando a imaxe da nosa provincia máis aló das nosas fronteiras”, indicou.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Vídeo: O SIL.

 

 

Back to top button