
ALCER Ourense vén de anunciar a posta en marcha dun novo punto de información no municipio do Barco de Valdeorras, que abrirá as súas portas o vindeiro luns 8 de xuño ás 12:00 horas, “co obxectivo de achegar os servizos da entidade á poboación da comarca de Valdeorras e ofrecer un espazo estable de atención directa, acompañamento e orientación”.
Este novo servizo faise posible, segundo a entidade, “grazas á cesión do espazo por parte do Concello do Barco, que facilita así a posta en marcha desta iniciativa orientada a mellorar a accesibilidade da atención asociativa no territorio”.
Neste punto de información, as persoas interesadas poderán recibir orientación sobre a enfermidade renal crónica, recursos sociosanitarios dispoñibles, trámites administrativos, hábitos de vida saudable e prevención, así como información sobre os servizos e actividades que desenvolve ALCER Ourense. Trátase dun espazo pensado tamén para o acompañamento emocional e a escoita activa de pacientes en tratamento renal, persoas transplantadas e as súas familias.
A atención será realizada polo equipo técnico da entidade, e contará ademais coa presenza da colaboradora e vogal da xunta directiva Avelina Basalo López, quen acudirá especialmente en horario de tarde. Basalo ofrecerá información directa a quen o precise, así como asesoramento a persoas interesadas en facerse socias, coñecer mellor a enfermidade ou implicarse nas actividades da asociación.
O punto de información estará situado na cuarta planta da Biblioteca Pública Municipal de O Barco de Valdeorras, nun emprazamento céntrico, accesible e de referencia cultural no municipio, o que favorece un acceso cómodo para persoas usuarias, familiares e coidadores. O horario de atención será os luns de 16:00 a 19:00 horas, podendo ofrecerse tamén atención en horario de mañá baixo demanda previa os propios luns, co fin de adaptarse ás necesidades das persoas que precisen información ou asesoramento.
Con esta nova apertura, ALCER Ourense “reforza o seu compromiso de achegar a atención ao territorio e descentralizar os seus servizos, facilitando o acceso á información e ao acompañamento nunha comarca caracterizada pola dispersión xeográfica”, segundo a entidade, que subliña “a importancia de contar con espazos de referencia como este, que contribúen a reducir barreiras de acceso, mellorar a detección de necesidades e ofrecer un apoio máis próximo, humano e continuado ás persoas afectadas pola enfermidade renal”.