SanidadeÚltima hora

Alcer Ourense abre un punto informativo no Barco da man de Lina Basalo

Está situado no Barco, no cuarto andar da Biblioteca Pública Florencio Delgado Gurriarán

 

Achegar os servizos que ofrece a Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais de Ourense (Alcer) ao rural, descentralizándoos así da capital da provincia. Con este obxectivo esta entidade inauguraba no mediodía deste 8 de xuño o seu primeiro punto informativo na comarca de Valdeorras, situado no cuarto andar do edificio da Biblioteca Municipal do Barco.

“Nesta comarca hai un número importante de enfermos renais e imos intentar desprazar a persoal técnico da asociación ata aquí en determinados momentos para darlle unha atención máis próxima aos nosos socios”, explican dende a directiva de Alcer Ourense.

Á fronte deste punto informativo está Lina Basalo, cun horario de atención de 16h. a 19h. cada luns. Ademais as persoas interesadas poden acudir con cita previa (nos teléfonos 988 22 96 15 e 663 780 330) tamén os luns, pero de mañá, en horario de 10:30h. a 13:30h.

 

 

Dende Alcer explican que hai moitas pacientes renais nesta zona da provincia, máis de cen. “Hai persoas transplantadas, tamén xente que está nos estadíos iniciais da enfermidade ou en hemodiálise”. De feito, outro dos obxectivos deste punto informativo do Barco é darlle visibilidade a esta doenza, concienciar á poboación e tamén incidir na prevención, xa que “moitas veces esta enfermidade pode chegar a través de malos hábitos alimentarios”.

Entre as persoas presentes na apertura deste punto de Alcer había representes da asociación (membros da súa directiva, pero tamén persoal como a súa nutricionista e a traballadora social), ademais da persoa encargada do mesmo, Lina Basalo.

 

AlcerFest

Entre as actividades que Alcer está a promover en Valdeorras está o AlcerFest, unha celebración solidaria que terá lugar o vindeiro 14 de xuño de 2026 no CEIP Julio Gurriarán do Barco.

Trátase dunha xornada festiva e solidaria na que se combinarán música, actividades para todas as idades, gastronomía e un sorteo de agasallos, co obxectivo de promover a convivencia e dar visibilidade á realidade das persoas con enfermidade renal, así como ao labor que desenvolve a nosa entidade.

Back to top button