
ALCER Ourense leva a O Barco a primeira edición do ALCERFEST, unha xornada festiva e solidaria que terá lugar o vindeiro 14 de xuño de 2026 no CEIP Julio Gurriarán. Trátase dunha proposta pensada para todos os públicos, na que a música, a convivencia e a solidariedade se consolidan como os eixos principais dunha celebración aberta á participación de toda a cidadanía.
A entidade convida á veciñanza de Valdeorras e do conxunto da provincia a participar nun evento que busca “reunir familias, amizades e persoas comprometidas coa causa social de ALCER Ourense nun ambiente de celebración e participación. O obxectivo é compartir unha xornada de lecer ao tempo que se visibiliza a realidade das persoas que conviven cunha enfermidade renal e se apoia o labor que a asociación desenvolve durante todo o ano”.
A programación arrancará ás 11.00 horas coa apertura de portas e continuará ás 11.30 horas coa presentación da asociación. A partir das 12.00 horas, os máis pequenos poderán desfrutar de inchables e pintacaras, dando paso a unha mañá cargada de diversión.
A música en directo terá un papel destacado durante toda a xornada. Entre as 12.30 e as 14.00 horas subirán ao escenario o grupo La Fiesta Madre e a artista Andrea Velasco, encargados de animar os momentos previos á comida popular.
Ás 14.00 horas celebrarase unha comida para todas as persoas asistentes, composta por paella, pan, auga, viño e sobremesa, incluída no prezo da entrada. Xa pola tarde, entre as 15.00 e as 18.00 horas, desenvolveranse distintas actividades infantís e familiares, entre elas tiro ao arco, tiro con machada e un circuíto de coches eléctricos, mentres a música volverá soar da man do grupo The Crokiss.
A xornada concluirá cun sorteo e unha gran festa da escuma, dúas propostas que cada ano espertan unha gran participación e que poñerán o broche final a unha cita marcada pola diversión, a convivencia e a solidariedade.
A entrada terá un prezo de 15 euros e incluirá a comida, o acceso a todas as actividades programadas e a participación nos sorteos. Os billetes poden adquirirse de forma anticipada en diferentes establecementos colaboradores de O Barco de Valdeorras.
“ALCERFEST constitúe unha oportunidade para desfrutar dunha xornada diferente en familia e entre amizades, combinando música, actividades, gastronomía e solidariedade nun mesmo espazo. A iniciativa busca, ademais, achegar á cidadanía a realidade das persoas con enfermidade renal e contribuír á sensibilización social arredor dunha patoloxía que afecta a milleiros de persoas”, tal e como indica a asociación.
“Co apoio do Concello do Barco de Valdeorras, das entidades colaboradoras e das persoas voluntarias implicadas na organización, ALCER Ourense”, continúa a asociación, “leva ao Barco esta cita como un punto de encontro aberto á comarca”.

