EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

O AOVE Mansa e Brava de Ouro de Quiroga, distinguido nos Premios Galicia de Alimentación

O fundador da empresa, Julio Zarauza Quiroga, na recollida do galardón agradecía "a Guillermo, Xenxo e Piñeira, que a finais do século pasado foron as persoas que loitaron para que non se perdera a tradición olivareira que viña de antergo na comarca de Quiroga"

 

O AOVE (Aceite de Oliva Virxe Extra) Autóctono Mansa e Brava da firma Ouro de Quiroga vén de sumar un novo recoñecemento. A duodécima edición dos Premios Galicia Alimentación, organizados por el Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), vén de concederlle o premio “Excelencia Terra”. A entrega destes galardóns tiña lugar no mediodía deste 11 de xuño no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

O fundador da empresa, Julio Zarauza Quiroga, agradecía na recollida do galardón “a Guillermo, Xenxo e Piñeira, que a finais do século pasado foron as persoas que loitaron para que non se perdera a tradición olivareira que viña de antergo na comarca de Quiroga e que por desgraza xa se tiña perdido a noutras partes de Galicia. Grazas a todos eles hoxe estase a premiar un aceite de oliva virxe feito en Galicia con variedades autóctonas galegas”.

 

 

Zarauza comezaba dando as grazas, en nome do equipo que forma parte deste proxecto, “ao xurado por este recoñecemento”. E, ademais, felicitaba “a todos os representantes dos alimentos participantes no certame, calquera deles serían xustos merecedores deste recoñecemento tamén”. Finalmente, agradecía a “todas as persoas, empresas, centros de estudos, de investigación, asociacións, fundacións a todos os que dalgún xeito nos axudan a seguir a facer o mellor posible o noso traballo”.

 

 

 

Este aceite que a firma realiza co froito das castes de oliveiras centenarias recuperadas de plantacións abandonadas “Mansa” e “Brava” tamén recibiu recentemente o recoñemento cun Gran Ouro no certame internacional CINVE no que participan AOVEs de España e de todo o mundo.

 

 

“Ao final é unha ledicia ter estes recoñecementos, o do CINVE era importante porque é do sector e implicaba medirse con aceites internacionais e ver que o teu AOVE está aí, ao carón dos grandes que se fan en todo o mundo. Este agora é un pouco máis singular porque en Galicia, na nosa terra, que tamén valoran o proxecto polas variedades autóctonas e pola variedade final, o produto, a orixe… E tamén polo aceite en si”, tal e como comentaba Julio Zarauza tras recoller o galardón, ao Periódico O SIL.

 

 

“Este premio a un aceite de Quiroga é un recoñecemento a un traballo de recuperación e aposta por un produto de calidade e tamén un aliciente para a aposta por un produto identificativo das terras quiroguesasl cun microclima e chans fértiles que permiten obter froitos excepcionais”, tal e como se destaca dende o Concello de Quiroga.

Fotos cedidas.

 

 

 

Back to top button