A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras recibiu onte en Madrid un novo premio da Plataforma de Organizacións de Pacientes (POP) polo proxecto “Aprendendo a desaprender”, unha iniciativa orientada a integrar a experiencia dos pacientes e das asociacións na formación dos profesionais sanitarios.
Esther Pérez, supervisora da Unidade de Formación, e Belén Piñeiro, xefa do Servizo de Atención ao Paciente e Humanización da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, foron as encargadas de recibir o galardón, na categoría de planificación, da V edición destes premios, que se celebrou onte na Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS).
A organización valorou especialmente a incorporación e participación dos pacientes na definición, implantación e avaliación da estratexia deste proxecto formativo, integrado xa na programación anual da Escola Universitaria de Enfermería de Ourense e dos enfermeiros residentes en formación (EIR), así como gradualmente do conxunto de profesionais sanitarios da Área.
Recoñecemento dos pacientes
Os Premios POP están impulsados pola Plataforma de Organizacións de Pacientes, unha entidade sen ánimo de lucro, que agrupa a 50 entidades, constituíndo unha rede estatal que coordina un tecido de máis de 2.000 organizacións de pacientes, incluíndo asociacións locais, autonómicas e nacionais, co obxectivo de promover a participación dos pacientes no sistema sanitario e social.
Trátase así dun recoñecemento especialmente relevante, pola natureza da entidade que o concede, xa que pon o foco non só na calidade técnica dos proxectos, senón tamén na súa capacidade para incorporar a perspectiva dos pacientes, mellorar a súa participación e facer que a súa experiencia teña impacto real na organización sanitaria.
Nesta quinta edición, o proxecto ourensán coincidiu con iniciativas premiadas noutras categorías, do Hospital-Fundació Sant Joan de Déu (Barcelona), o Hospital Infantil Universitario Niño Jesús (Madrid), o Hospital Universitario del Sureste (Madrid), o Departamento de Saúde do Goberno Vasco e o Ministerio de Sanidade.
Aprender desde a experiencia do paciente
“Aprendendo a desaprender” parte dunha idea sinxela, expresada pola súa promotora, a responsable da Unidade de Formación, Esther Pérez na que ademais do coñecemento técnico e científico, a formación sanitaria incorpore tamén o que as persoas atendidas poden achegar sobre a súa relación coa enfermidade, establecendo así un diálogo produtivo co sistema sanitario e cos equipos profesionais.
Nas súas verbas de aceptación do premio, Esther Pérez agradeceu a colaboración entusiasta das asociacións de pacientes de Ourense e dos profesionais da Área, a un proxecto que “supón desaprender moitas inercias, ideas preconcibidas e sair dunha zona de confort, para empezar a mirar e escoitar ao paciente doutro xeito” subliñou, porque “a verdadeira revolución é a transición desde o paternalismo cara unha relación afectiva-efectiva baseada na colaboración”.
O proxecto ten por obxectivo sentar as bases desta nova relación profesionais-pacientes, contribuindo a establecer unha atención máis colaborativa, próxima e centrada nas persoas, cun enfoque que supera a visión tradicional do paciente como receptor da asistencia e o sitúa tamén como axente activo na mellora do sistema.
Dous premios en cinco convocatorias
Tras obter o primeiro premio nas IV Xornadas de Humanización da Asistencia Sanitaria do Sergas, o novo recoñecemento consolida a traxectoria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras. En cinco edicións, Ourense foi recoñecida en dúas ocasións, e participou activamente nun terceiro proxecto tamén premiado nos POP, estratexia do Servizo Galego de Saúde ante as enfermidades raras, en 2022, un resultado significativo nunha convocatoria estatal á que concorren proxectos de organizacións sanitarias públicas e privadas de todo o país.
En 2023, o Hospital Universitario de Ourense foi premiada novamente, na categoría de planificación, polo proxecto “Humanizar e mellorar a atención sanitaria de persoas con sensibilidade química múltiple”, primeiro protocolo deseñado para facilitar a atención destas persoas no seu paso polo centro sanitario, reducindo ao máximo a súa exposición a produtos ou axentes que puidesen desencadear síntomas.
Ese protocolo, activo na Área de Ourense, destaca tamén pola participación directa dos propios pacientes, na súa elaboración, e pola implicación dun equipo multidisciplinar de profesionais de Urxencias, Anestesia e Reanimación, Medicina Intensiva, Medicina Preventiva, Atención Primaria, Admisión, Farmacia, consultas externas, limpeza, Calidade de Enfermería e Atención ao Paciente e Humanización.

