ConcellosÚltima horaViana do BoloVídeos

Eladio Santos traslada ao alcalde de Viana do Bolo o apoio e a plena disposición do Goberno ante os danos causados polas tormentas

Explicaba na visita que a declaración da situación de emerxencia por parte da Xunta é un requisito previo imprescindible para activar os mecanismos de apoio do Estado aos núcleos afectados

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, mostrou hoxe o seu apoio ao municipio de Viana do Bolo, que sufriu danos causados polas tormentas rexistradas nas últimas horas. Xunto ao alcalde, Germán García-Ávila, o subdelegado visitou este xoves o núcleo de Bouza, un dos máis afectados polos arrastres.

 

 

O subdelegado informou ao alcalde dos procedementos que deben seguirse para acceder ás axudas habilitadas polo Estado destinadas a paliar os danos ocasionados polas tormentas. Ademais, abordaron as posibles solucións á falta de auga potable provocada polas riadas que afectaron ao municipio. Eladio Santos explicou que o primeiro paso para activar estes mecanismos de apoio é que a Xunta de Galicia declare a situación de emerxencia, requisito necesario para poder iniciar os trámites que permitan o recoñecemento da zona como gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil.

 

 

Así mesmo, lembrou que corresponde á administración autonómica solicitar a intervención da Unidade Militar de Emerxencia (UME), en caso de considerar necesario a súa actuación. “A colaboración entre administracións é esencial para afrontar os labores de recuperación e que os núcleos afectados recuperen a normalidade o máis rápido posible”, subliñou.

 

 

Finalmente, o subdelegado trasladou ao alcalde a total disposición do Goberno para colaborar en todo o que precisen os veciños e veciñas de Viana do Bolo. “Este Goberno está sempre ao lado de quen máis o necesita”, engadiu.

 

Back to top button