SanidadeÚltima hora

Asotrame e a área sanitaria ourensá reforzan cun convenio a súa colaboración en prol dos pacientes oncohematolóxicos

O convenio regula a actividade do voluntariado da asociación no Hospital Universitario de Ourense, na planta e Hospital de Día de Hematoloxía

 

Representantes da Asociación Galega de Persoas Afectadas por Transplantes Medulares (ASOTRAME) entidade sen ánimo de lucro que traballa para mellorar a calidade de vida das persoas con cancro hematolóxico, mantiveron un encontro con responsables da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras para abordar o desenvolvemento do convenio de colaboración que veñen de subscribir para promover o traballo do voluntariado no Hospital Universitario de Ourense.

Na reunión participaron o xerente da Área Sanitaria, Santiago Camba; o subdirector de Atención ao Paciente e Humanización, José Luis López Gutiérrez; o xefe do Servizo de Hematoloxía, José Luis Sastre; e a supervisora do servizo, Luisa Vázquez. Por parte de ASOTRAME asistiron Manuel Estévez, vogal da xunta directiva; Alba García, traballadora social; e Ivana Iglesias, psicóloga.

O acordo ten como obxectivo regular a actividade do voluntariado de ASOTRAME no Hospital Universitario de Ourense, especialmente na planta de hospitalización de Hematoloxía, para facer máis levadeira a estancia hospitalaria das persoas con enfermidades onco-hematolóxicas e ofrecer apoio tamén ás súas familias.

Acompañamento e humanización

O traballo do voluntariado na planta estará orientado a poñer en contacto a pacientes,  recentemente diagnosticados ou en tratamento activo, con persoas que xa superaron a enfermidade. A finalidade é facilitar o intercambio de experiencias e recursos de afrontamento desde unha perspectiva respectuosa e centrada na persoa.

O convenio recolle diferentes programas como “Luces de cores”, que inclúe talleres creativos, actividades de expresión artística, música e elaboración de postais. Esta iniciativa pretende combater a especial dureza dos longos ingresos e seu efecto nos pacientes especialmente en  determinadas épocas do ano como, por exemplo, o nadal. Xunto a elo ASOTRAME proxecta realizar exposicións ao longo do ano para contribuír á humanización da planta de Hematoloxía.

Apoio ás familias desprazadas

Outra dos programas que a asociación ten previsto desenvolver en Ourense é “Como na casa”, un recurso de axuda á estanza temporal, para as persoas con patoloxías onco-hematolóxicas e as súas familias cando teñan que desprazarse para recibir tratamento. O piso de estanza temporal pretende facilitar un espazo onde as persoas beneficiarias poidan sentirse cómodas e, ademais, paliar o impacto económico que supón desprazarse a outra área sanitaria para recibir un tratamento.

A colaboración terá unha vixencia de catro anos, con posibilidade de prórroga, e contará cunha comisión mixta de seguimento entre ASOTRAME e o Sergas para avaliar o desenvolvemento das actuacións e propoñer novos programas. Este acordo reforza a colaboración que a asociación ven mantendo coa Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras ao longo dos últimos anos.

 

Back to top button