Do 17 ao 25 de xullo, Ribadavia volverá converterse nun dos grandes puntos de encontro das artes escénicas contemporáneas coa celebración da 42ª edición da Mostra Internacional de Teatro (MIT). Durante nove días, a vila acollerá unha programación composta por 25 espectáculos de teatro, danza, artes vivas, circo, performance e creacións híbridas, ademais de 10 actividades paralelas, repartidas entre quince espazos históricos, rúas, prazas e aldeas do concello.
No segundo ano da dirección artística de Sabela Mendoza e Gena Baamonde, a MIT continúa a apostar pola creación contemporánea, a diversidade de linguaxes e formatos, e “a capacidade da escena para activar pensamento crítico, emoción compartida e novas formas de relación co presente”. A edición de 2026, inspirada nas ideas de cita, eco e reverberación, reivindica a escena como celebración colectiva e espazo de encontro. Estes conceptos serven de base tamén á imaxe do cartel deste ano, obra da artista ourensá Olalla Higo.
A presentación oficial da 42ª edición da MIT tivo lugar en Ribadavia e contou coa participación das directoras artísticas Sabela Mendoza e Gena Baamonde; do alcalde de Ribadavia, César Fernández; do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; e do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo.

Durante o acto, o alcalde de Ribadavia, César Fernández, puxo en valor a traxectoria e a relevancia da Mostra Internacional de Teatro, destacando que “a MIT é unha das grandes referencias culturais de Galicia, un proxecto que leva máis de catro décadas contribuíndo a construír a identidade da nosa vila e a proxectala cara ao exterior”. O rexedor sinalou que a Mostra “converte cada verán Ribadavia nun espazo de encontro para a creación contemporánea, o diálogo e a reflexión, atraendo milleiros de visitantes e xerando un importante impacto social, cultural e económico para o conxunto do municipio”.
Fernández quixo tamén recoñecer “o traballo desenvolvido polas diferentes direccións artísticas que pasaron polo festival ao longo da súa historia, así como o compromiso das institucións: Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, Goberno de España a través do Ministerio de Cultura e o Instituto Nacional de las Artes Escénicas y la Música (INAEM); así como de todas as entidades, patrocinadores e outras persoas que fan posible a súa celebración ano tras ano”. “A MIT é un exemplo de como a cultura pode transformar un territorio, dinamizar a vida local e fortalecer os vínculos entre a veciñanza e quen nos visita. Para Ribadavia é un orgullo seguir sendo a casa dun festival que se mantén á vangarda das artes escénicas e que continúa medrando sen renunciar á súa esencia”, afirmou.

O alcalde tamén quixo incidir no compromiso do Concello coa cultura como ferramenta de desenvolvemento e cohesión social: “Seguiremos traballando para que proxectos coma o da MIT continúen a ser un referente dentro e fóra de Galicia, un espazo aberto á innovación, á diversidade e á participación, e unha cita imprescindible para todas aquelas persoas que entenden a cultura como un ben común”.
Na mesma liña, Jacobo Sutil – director da AGADIC -, puxo en valor a “aposta pola accesibilidade e diversidade” desta edición da MIT. Así mesmo, salientou a importancia da “colaboración entre as diferentes administracións, que fan posible que este festival se celebre e que ademais, evidencia que a cultura segue a ser un punto de encontro para todos e todas”.
O programa concede un lugar especial asuntos como o encontro coa memoria histórica e a resistencia democrática, a exploración da música na escena, e a celebración da diferenza e do encontro coa alteridade. Con atención tamén ás novas dramaturxias e ás propostas comunitarias e de apoio á creación, a programación busca xerar conversa e ‘deixar pegada’. A accesibilidade é unha das principais novidades desta edición, que inicia unha liña de traballo para incorporar progresivamente medidas como a audiodescrición e a interpretación en lingua de signos, co obxectivo de avanzar cara a un festival máis inclusivo e participativo.

Cinco espectáculos da programación contarán xa con estes recursos
Un dos grandes eixos da MIT 2026 será a memoria histórica como ferramenta para pensar o presente, con espectáculos como ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao) de Chévere que reflexiona sobre a memoria democrática, os efectos do esquecemento e a transmisión das historias colectivas a partir da emblemática pintura de Castelao. A Fortaleza de A Feroz, recupera a memoria das guerrilleiras antifranquistas galegas; e José Afonso, ao vivo nos Coliseus 1983, de Teatro Experimental do Porto, proposta escénico-musical que revisita o legado político e cultural de Zeca Afonso e da Revolución dos Cravos. Desde unha dimensión autobiográfica e política, Mi madre y el dinero, da compañía mexicana Pornotráfico. Tamén desde México, El cuerpo vacío da compañía CuatroxCuatro, aborda os corpos como lugar de pensamento poético e político.
A presenza da música e do son constitúe outra das liñas fundamentais desta edición, que reivindica a súa capacidade para construír experiencias compartidas. Procedentes de Galicia, o espectáculo Mercedes máis eu de Janet Novás e Mercedes Peón escolle Ribadavia para a despedida dos escenarios, e a creadora galega Cris Balboa presentará Roland Mon Amour, peza atravesada pola música electrónica e o humor que reflexiona sobre a creación artística contemporánea. Tamén regresa a compañía Ibuprofeno Teatro, Premio do Público da MIT 2025, co seu último espectáculo Bio Construción con música en directo de Macarena Montesinos, reflexión metafórica sobre o fracaso, a crise climática, a inxustiza do sistema inmobiliario, o amor e a sociedade contemporánea. Por outra banda, dúas estreas en Galicia: a da artista canaria Paula Quintana con Atlas de anatomía, un premiado solo de movemento acompañado por un coro de voces en directo; e a compañía vasca Altraste danza, co espectáculo de rúa El Bolero, que celebra a forza da icónica composición musical de Ravel.

A MIT reafirma tamén a súa aposta por aquelas propostas que exploran novas formas de relación coa diferenza e coas múltiples maneiras de habitar o mundo. Neste ámbito presenta tres estreas en Galicia con Estudio para una extracción, da coreógrafa brasileira Poliana Lima, investigación arredor do invisible e do fantástico presente nos corpos; Hospital de Campo, de Societat Doctor Alonso, que aborda con humor os coidados como práctica colectiva; ou Enchivas, da creadora galega afincada en Suíza Begoña Cuquejo xunto á matemática e performer mexicana Erika Roldán, conferencia performativa que conecta fútbol, matemáticas e artes vivas desde unha perspectiva participativa. A programación incorpora tamén Jérôme Bel, emblemática creación do recoñecido coreógrafo francés interpretada nesta ocasión pola actriz e performer galega María Roja, nunha colaboración coa Bienal de Artes Vivas de Pontevedra que permite a primeira tradución ao galego desta obra.
A MIT 2026 reforza igualmente a súa aposta polas artes vivas e os formatos experimentais, como as mostras abertas que realizarán os dous proxectos en residencia artística na Mostra: ZOOMBIES, do artista brasileiro afincado en Portugal, Pedro Vilela, que utiliza a figura do zombi como metáfora da producion do medo e da construción histórica do inimigo externo; e El discurso, da creadora andaluza Rosa Romero, que cuestiona quen ocupa historicamente o lugar da palabra. Presentarase por primeira vez en Galicia Acción Pálpito, da plataforma valenciana Diàleg Obert, que pon en diálogo performance e literatura a partir da reinterpretación das greguerías de Ramón Gómez de la Serna. A xove compañía galega Alomais Teatro presentará unha lectura performativa de O Miradoiro, texto de Isa Fernández gañador da última edición do Premio Abrente de Textos Teatrais 2025, que abre o programa da Mostra.
A dimensión comunitaria estará presente con Ribadavia 26, resultado do traballo desenvolvido durante dous anos polo colectivo galego-andaluz A Volátil xunto á veciñanza da vila. A participación cidadá esténdese tamén a proxectos como Colapso, laboratorio de creación sobre as consecuencias da clise climática para a mocidade, coordinado por Juan Ayala e Miguel Oyarzun.

Especialmente dirixidas a públicos de todas as idades, a MIT acolle espectáculos na rúa como a premiada peza de circo 361º da cía andaluza Proyecto Tránsito, o humorístico El peor espectáculo del mundo. De momento! de Zanguango Teatro, Circanelo do galego Fredi Muíño (cía N+1), e a versión de rúa de MONTE da cía galega Laboratorio escénico. Ademais, a MIT acolle Berenguela na gaiola, de Galeteatro e Xarope Tulú, obra gañadora do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais 2024. A programación paralela incluirá diversos espazos de formación, encontro e investigación artística. Ademais das entregas do 21º Premio Abrente de Textos Teatrais e o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño, ambos promovidos pola MIT, e a acollida do acto de entrega do Premio da Academia de Teatro.
Os abonos poden adquirirse dende o 17 de xuño a través da páxina web www.mitribadavia.gal, onde tamén sairán á venda proximamente as entradas individuais.
A MIT contará un ano máis co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais – Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Ministerio de Cultura. Ademais, a programación da 42ª edición é posible grazas á colaboración de entidades como AC/E Acción Cultural Española, CDG Centro Dramático Galego, Secretaría Xeral da Lingua, Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, Colectivo RPM, Escola Galega de Clowns, AAAG Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Artesanía de Galicia ou Fundación ONCE; entre outros patrocinadores e apoios que fan posible unha nova edición da MIT.


