A súa vida profesional ten estado ligada fundamentalmente a Valdeorras. O doutor Manuel Rey Rionegro, criábase en Francia, onde viviu ata os 12 anos, momento no que regresaba á súa vila, A Rúa, para estudar no Colexio Pablo VI. Pero tras formarse en Medicina e exercer en localidades como Manzaneda ou Sobradelo, seguindo o consello dun amigo, o doutor Hassan, quen fora traumatólogo no Hospital Comarcal de Valdeorras, decidía voltar a Francia para facer a especialidade de Radioloxía en 1984-1985.
“Nunca o pensara, pero si me gustaba esa especialidade moitísimo, entón apunteime. Daquela España non estaba na Comunidade Económica Europea (CEE), polo tanto presenteime como estranxeiro. Fun a Toulouse e dixéronme que había 6 prazas para residentes estranxeiros e que o exame era aos 15 días. Entón apunteime, volvinme para España e logo voltei para examinarme”, recorda.
Consguía unha das prazas e incorporábase ao Hospital de Rangueil en 1985. “Uns meses despois, España entrou na CEE e pasei a ser residente francés. Tiña un título convalidado que me valía para traballar en España e en toda Europa”. E, ao pouco tempo recibía unha chamada do doutor Orlando Saavedra, daquela xerente do Hospital de Valdeorras, que buscaba radiólogo para este centro.
Iso marcaría o inicio da vida como radiólogo en Valdeorras. Entraba no hospital o 10 de abril de 1989 e aí desenvolvía a súa profesión ata o 2011, cando tras unha baixa por un grave problema de saúde, decidía facer un cambio e optaba por pasarse á Medicina de Familia, se ben nunca deixou a súa praza en propiedade no hospital barquense. “Por motivos estritamente persoais, vin que necesitaba un cambio de aires. Buscaba unha localidade de montaña e, ao pouco tempo, chamáronme dicíndome que quedaba o Centro de Saúde do Bolo libre. E dixen que si, ademais eu era amigo do doutor que se xubilaba, Manuel Corzo”.
A súa intención era estar “un ano ou dous anos como máximo e voltar ao Hospital de Valdeorras, onde sempre mantiven os contactos e deixei moitos amigos xente moi importante na miña vida, pero atopeime tan ben, tan ben, que quedei no Bolo 15 anos ata que me chegou a idade de xubilación e xubileime como médico de familia”, resalta.
O doutor Rey Rionegro conta que dende o primeiro momento, sentiuse moi querido e aprezado tanto no Bolo, como na Veiga, onde facía gardas, “estiven sempre moi a gusto. Isto cambiou totalmente a miña forma de ver a vida e fíxenme un veciño máis do Bolo, era o médico, si, pero era o amigo de todos os veciños do Bolo. Sentinme moi querido, tanto que xa ao final era un máis da familia, falaba cos meus pacientes con toda a naturalidade do mundo e penso que creei un ambiente familiar e que a xente gárdame cariño, que para min iso é o máis importante. Sempre intentei ser moi humano e profesional”, conta emocionado.
E da súa experiencia como médico rural subliña a gran comunicación que mantiña cos pacientes, algo que a súa especialidade de Radioloxía, polas súas características, non lle permitía. “Informas algunhas probas como os TACs, mamografías, urografías… pero na única proba na que realmente tes contacto co paciente é na ecografía, pero no Bolo foi totalmente distinto. Era estar diante do paciente, falar con el, ás veces acabábamos contándonos a nosa vida, hai moita xente que estivo na emigración e falábamos moito, eu vía como respiraban, sabía perfectamente o que tiña que facer, e sen medios, exercías. A medicina rural foi realmente extraordinaria, fun feliz”.
Mesmo cita anécdotas como o feito de atender a pacientes en francés, xa que é bilingüe, para sorpresa e alivio de moitas persoas emigradas que volven no verán e doutras que son francesas e veñen á zona. “E iso emocionábame realmente porque eu tamén fun emigrante”.
Confesa que non se atreveu a despedirse deles, “non quería estar triste, simplemente desaparecín. Moita xente chamoume despois. Agora estou intentando acostumarme a esta nova etapa”.

Homenaxe pola súa xubilación
E nese momento recibía a chamada dun compañeiro do Centro de Saúde do Bolo, que lle falaba dunha comida. O doutor Rey Rionegro sospeitaba algo, pero non se imaxinaba nin por asomo o que se ía atopar ao entrar, no mediodía do 6 de xuño, no Restaurante Boavista de Lentellais (O Bolo). “Foi realmente emotivo”, relata, e “algo organizado, fundamentalmente por Antonio e Justino, PSX e DUE do Centro de Saúde do Bolo”. Unhas trinta persoas se xuntaban para rendirlle unha homenaxe pola súa xubilación, a meirande parte delas vinculadas á súa etapa no Bolo, pero tamén había compañeiros médicos do grupo “Os Matasanos”, outros profesionais sanitarios do Hospital de Valdeorras, ademais de amigos e familia, como é o caso da súa muller e as súas dúas fillas.

O doutor Rey Rionegro amosa o seu agradecemento por esta despedida, na que conta recibía multitude de acertados agasallos entre os que destaca unha estatuíña de Sargadelos co seu nome. Nela participaban, ademais dos dous organizadores, o médico que agora ocupa a súa praza no Bolo, o doutor Reinaldo; María Jesús Magadán e Rogelio García (médicos), Manoli , Aurelio e Conchi (DUEs), Vicente (farmacéutico), Maite e Tania (RSS), Carmen e Marga (de Inspección e Xestión do Hospital de Valdeorras), os médicos Antonio Fernández, Emiliano Quiroga, Andrés Docampo e Eduardo Gómez, ademais de Manuel Corzo; José e Julio de Lentellais, Olga Rodríguez de Chandoiro, Antía Rodríguez e Quixé (DUE), os seus amigos Andrés Murga, Luis e Pilar.

Estaba previsto que asistiran unha decena máis de persoas, pero por diferentes circunstancias, non puideron acompañalo, se ben si colaboraron para os agasallos. Entre eles, un recordatorio desta data e dos nomes nos participantes nelas no que lle amosan o seu agradecemento e agarimo “por tantos anos de dedicación, cercanía e vocación como médico de Familia no Bolo”.
Fotos cedidas.


