SanidadeÚltima hora

Luz verde ao proxecto de Lei que regulará as prazas de persoal médico de Urxencias hospitalarias de Ourense como postos de difícil cobertura

O Servizo Galego de Saúde ofertará as prazas de persoal médico de urxencias hospitalarias polo sistema excepcional de concurso de méritos e puntuará o triplo o tempo traballado neste servizo, segundo vén de aprobarse no Consello da Xunta

 

O Consello da Xunta vén de aprobar na súa reunión semanal deste luns o proxecto da Lei pola que se modifica a Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de persoal estatutario con título de especialista en Ciencias da Saúde, coa cal o Servizo Galego de Saúde pretende incluír as prazas do persoal da categoría de médico/a de urxencias hospitalarias no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

En particular, ofertará as prazas vacantes polo sistema excepcional de acceso á condición de persoal fixo de concurso de méritos, é dicir, valorando a experiencia e a formación sen necesidade de superar o exame propio dunha fase de oposición.

Ademais, establécese unha valoración especial da experiencia profesional. Cada mes de servizos prestados nas urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense computará o triplo da puntuación que se estableza con carácter xeral para futuros procesos selectivos ou concursos de traslados, segundo adianta a Xunta que, deste xeito, asegura busca incentivar “a cobertura das prazas de persoal médico das urxencias hospitalarias de Ourense, que conta cun cadro de persoal de 50 profesionais e na actualidade ten ocupadas unicamente 25 prazas. Desta forma, o Servizo Galego de Saúde, despois de informar os sindicatos que compoñen a Mesa Sectorial de Sanidade, toma medidas ante a situación de necesidade de persoal médico das urxencias hospitalarias ourensás”.

Neste momento, as necesidades, segundo a Xunta, están a cubrirse cun grande esforzo do propio persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, con contratos de interinidade por acumulación de tarefas e co programa especial de urxencias para que facultativos/as doutras áreas presten apoio e cubran o servizo de Ourense.

As xornadas de traballo nestas urxencias hospitalarias, que se ven afectadas tamén polas reducións de xornada, as adecuacións de posto ou as incapacidades temporais ás cales teñen dereito os seus facultativos e facultativas, non se están a poder cubrir a través das listas de contratación. Como exemplo, este mes de xuño realizáronse chamamentos para cubrir seis vacantes e só foi atendido un, polo que o resto quedaron desertas.

Desta forma, as prazas de facultativos/as das urxencias hospitalarias de Ourense serán incluídas como postos de difícil cobertura, ao igual que xa teñen esta consideración todos os postos de facultativo/a especialista dos hospitais comarcais de Cee, O Barbanza, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras e O Salnés.

A aprobación do proxecto de lei por parte da Xunta requirirá a tramitación do correspondente procedemento lexislativo no Parlamento de Galicia para a súa aprobación e posterior entrada en vigor, establecida para o día seguinte ao da publicación da lei no Diario Oficial de Galicia.

Melloras para o persoal de urxencias

A semana pasada, o Consello da Xunta aprobou un paquete de melloras laborais e retributivas para o persoal facultativo das urxencias hospitalarias das sete áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde co obxectivo de dar resposta ás demandas deste colectivo médico.

Entre outras medidas, asegura a Xunta, no mes de xullo e de forma retroactiva desde o 1 de abril de 2026, aplicarase un incremento de 2 euros á hora da xornada complementaria, que acada os 34,56 euros e, no ano 2027, engadirase un incremento adicional de 3 euros por hora, ata acadar os 37,56 euros. De media, as melloras laborais e retributivas para este colectivo supoñen 3.560 euros máis ao ano para cada médico/a de urxencias.

No que respecta á dotación de persoal, o Servizo Galego de Saúde leva anos reforzando a capacidade das urxencias hospitalarias para responder axeitadamente ás necesidades asistenciais. Na actualidade, hai 149 prazas máis de médicos de urxencias nos hospitais públicos galegos que en 2024.

Back to top button