A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras despedía esta mañá aos sete residentes que rematan a súa formación especializada, tras un esixente período de cinco anos, en uroloxía, cirurxía xeral e do aparello dixestivo, oncoloxía médica, cirurxía ortopédica e traumatoloxía e medicina intensiva.
Cinco deles continuarán vinculados á Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras en concreto, as dúas especialistas de medicina interna, e os de medicina intensiva, cirurxía xeral e dixestiva e cirurxía ortopédica e traumatoloxía.
Con este acto darase por rematado o curso académico 2025-2026, no que concluirán a súa formación na Área Sanitaria de Ourense 56 novos especialistas. En concreto 17 de enfermería pediátrica, obstétrica-xinecolóxica e familiar e comunitaria (EIR); e 39 de medicina (MIR), farmacia hospitalaria (FIR) e psicoloxía clínica (PIR).
Cinco anos de formación
Os sete residentes que despiden hoxe a súa etapa formativa pertencen a especialidades cun período formativo de cinco anos, dacordo co seu programa oficial e duración, respondendo á complexidade clínica, cirúrxica e técnica das competencias, que deben adquirir antes de acceder ao título de especialista.
O programa formativo destas especialidades permite completar rotacións por diferentes servizos, realizar gardas, ademais dunha aprendizaxe progresiva de técnicas diagnósticas e terapéuticas, e de adquisición gradual das habilidades clínicas e cirúrxicas.
No caso destas últimas, a formación inclúe o adestramento en indicacións, técnicas cirúrxicas, manexo peri-operatorio e seguimento dos pacientes. Mentres que nas especialidades médicas, como medicina interna, medicina intensiva e oncoloxía médica, permite consolidar a atención a pacientes de alta complexidade.

