
«Megaincendios na provincia de Ourense. A traxedia das chamas» recibiu o sexto Premio de Xornalismo ‘Somos Esenciais’, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en colaboración con Gadis. Baixo este título agrúpanse unha serie de pezas xornalísticas con texto de María Ángeles Rodríguez Yáñez e fotografías de Carlos G. Hervella, publicadas no número de setembro de 2025 do xornal ourensán O Sil, que analizan desde distintas perspectivas a problemática da vaga de lumes nesa provincia galega. O xurado do premio, composto por María Eimil Méndez, Francisco X. González Sarria, Lara Graña Prieto, Darío Janeiro Pereira, Belén Regueira Leal, Ana Isabel Rodriguez Vazquez e Cristina de la Vega Jiménez, decidiu por unanimidade o pasado venres 19 de xuño recompensar esta cobertura co galardón, dotado con 2.000 euros.
O xurado destaca na acta que coa súa resolución quíxose poñer valor “o amplo traballo feito, baixo distintas perspectivas, do tratamento dos lumes en Ourense, destacando o rigor e a aplicación de boas prácticas de redacción xornalística”. O xurado fai fincapé tamén no valor dun traballo elaborado por un medio local, coas dificultades engadidas que iso implica, pero tamén coa proximidade cos feitos e a súa audiencia. Este tipo de pezas reafirman a necesidade de manter e promover medios locais, nun momento no que a súa existencia periga, como fonte de información próxima e mesmo como ferramenta de loita contra a desinformación. Os medios de proximidade chegan a zonas esquecidas polas grandes cabeceiras e axudan na cohesión social, de aí a importancia de manter un ecosistema de medios locais, resume o xurado.
Así mesmo, concedéuselle unha mención especial como finalista ao colectivo formado por Alba Moledo Ucha, Brais Lorenzo Couto, Cláudia Morán Mato, Sol Mendiguchía e Sergio Pascual Espinilla, pola serie de nove reportaxes «Habitar o baleiro: luces e sombras do rural galego», publicada en Sermos Galiza, o suplemento de Nós Diario, entre o 25 de xaneiro e o 6 de decembro de 2025. O xurado valorou “a calidade da serie presentada, na que se analiza en profundidade e con voces diversas o universo rural galego”, con realismo “pero tamén cunha nota de optimismo e esperanza”. Un traballo amplo, rigoroso, pausado. A acta fai referencia, finalmente, á gran calidade do traballo fotográfico da serie.
Os membros do xurado sinalan, un ano máis, o gran nivel dos traballos presentados, o que complicou moito tomar unha decisión. “Calquera das pezas presentadas puido resultar gañadora. Neste sentido, focalizan os parabéns nos traballos sobre os lumes que afectaron a Galicia o ano pasado. Reportaxes serias, con múltiples voces e un tratamento dos feitos con rigor. Un exemplo perfecto do espírito do premio, o traballo esencial do bo xornalismo”, apuntan.
O Colexio de Xornalistas quere agradecer a participación de todos os e as xornalistas que acudiron a esta convocatoria do galardón, o traballo complexo realizado polos membros do xurado e o apoio de Gadis, que permite a continuidade e afianzamento do proxecto.
O acto de entrega do premio terá lugar nunha data próxima. Ademais, como se fixo o ano pasado, o premio complementarase cun encontro de xornalismo social convocado co mesmo título, que pretende reflexionar sobre o papel esencial do xornalismo social en Galicia e o seu impacto na comunidade, así como recoñecer o labor de xornalistas que traballan en temas de interese social en Galicia. Do acto de entrega e do seminario proporcionarase máis información proximamente polas canles habituais de comunicación do Colexio.
Premio Somos Esenciais
O Premio de Xornalismo Somos Esenciais, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, corporación de dereito público que representa aos xornalistas galegos, coa colaboración con Gadis, recoñece o labor dos e das profesionais da comunicación e a información social como vehículo condutor entre o que pasa na sociedade e a cidadanía, dando voz aos problemas dos axentes sociais e aos efectos que causan.
O primeiro Premio ‘Somos Esenciais’ gañouno Isabel Bravo co traballo «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta», emitido na Radio Coruña – Cadena SER; con Ángel Paniagua, de La Voz de Galicia, como finalista con «La uci del covid, desde dentro: “No somos héroes”». Na segunda edición, o gañador foi Manuel Rey Pan, polo podcast de GCiencia «O ano da pandemia». Elena Martín Lores, Pablo Santiago Martínez, Sofía Caamaño Deus e Ruben Alexandre Lopes Martins recibiron tamén unha mención como finalistas pola reportaxe «Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa», publicada no dixital Xarda e no Público portugués. Gemma Malvido e Vanessa Casteleiro foron premiadas en 2022 pola serie de La Opinión A Coruña «Una tarde en Teixeiro: “¿Se porta bien?”», «Con ganas de salir adelante» e «Una mañana en Teixeiro: Deporte, trabajo, estudio y manualidades para volver a la calle»; e María de La Huerta foi finalista con «Suicidio de mayores, un drama silenciado», do mesmo xornal. En 2023, Alba Chao, do Faro de Vigo, foi recoñecida por «Pornografía en la red, la mayor escuela de desigualdad y misoginia», mentres que Carolina Sertal resultou finalista con «Bebés roubados, entre o silencio e a impunidade», publicado en Luzes. E o ano pasado Lara Graña foi a galardoada por «”García del Cid”, el buque de luto y cólera», publicado no Faro de Vigo, mentres que Ángel Paniagua recibiu unha nova mención como finalista por «La vida tras el suicidio de una hija: “Esto le puede pasar a cualquiera”», publicado en La Voz de Galicia.

