OurenseÚltima hora

Ábrese ao público a mostra “Presas e Mestras”, unha “historia de emocións”, en Celanova

Permanecerá no Auditorio Municipal Ilduara até o 17 de xullo, en horario de 10.30 a 13.30 horas de luns a sábado.

 

As III Xornadas Memoria e Muller remataban este domingo en Celanova coa inauguración da exposición Presas e Mestras, que permanecerá no Auditorio Municipal Ildunara até o 17 de xullo, en horario de 10.30 a 13.30 horas de luns a sábado. Aurora Marco, que minutos antes presentou o seu último ensaio sobre a mestra María Vázquez, vítima do fascismo, foi a madriña da mostra e declarou aberta a exposición na data do 28 de xuño -90 anos despois daquela votación do Estatuto, semanas antes do golpe de Estado de xullo do 36.

A exposición reúne os nomes dunhas cincuenta mestras con escola na comarca que sufriron expedientes de depuración durante a guerra e máis dun cento de presas que penaron na cadea de mulleres de Celanova entre o 36 e o 38 e no cárcere de partido nos anos cincuenta. Dalgunhas delas cóntanse as súas historias, grazas á colaboración de familias como a de Rosa Franco (Barbadás), Delfina Alonso, Ubaldina Meiriño, Ermitas Quintas (de Quins, Melón), Dolores Barreiros, María Del Valle (Ourense) ou a mestra depurada Áurea González (Verea).

Estas historias, e as voces das súas descendentes, son a parte fundamental dunha mostra que ofrece os documentos oficiais que sosteñen a sinalización do cárcere de mulleres de Celanova que levou adiante o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova en colaboración co Concello de Celanova como Lugar de Memoria, expedientes de presas veciñas de Ramirás ou A Bola, publicacións de revistas de mestres como Escola de Trabajo ou un facsímile du carné de afiliada a ATEO, colectivo de mestres republicanos, ou un xornal escolar, tamén en facsímile, dunha escola da Caniza en tempos da República na que ensinaba Benito González (irmán de Áurea, e de Julio), mestre freineteano.

Na inauguración tomaron parte o alcalde de Celanova, Antonio Puga, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, quen agradeceu o traballo do Comité na organización da mostra, financiada pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática, e puxo o resultado como exemplo da posibilidade de facer que a memoria chegue ao rural a través das asociacións, alí onde o Estado ten máis dificultades para espallar as políticas de memoria derivadas da lei de memoria de 2022.

 

Ademais, Santos destacou o traballo feito polo Goberno, especialmente a través da Lei 20/2022 de Memoria Democrática, para “pechar unha débeda da democracia española co seu pasado e fomentar un discurso común baseado na defensa da paz, o pluralismo e a condena de toda forma de totalitarismo”.

O subdelegado explicaba que a norma persegue preservar e manter a “memoria das vítimas da Guerra e a ditadura franquista, o establecemento da xustiza, o fomento da reparación e o establecemento dun deber de memoria dos poderes públicos para evitar a repetición de calquera forma de violencia política ou totalitarismo”, remarcou.

Desde a entrada en vigor da lei, expuxo Eladio Santos, impulsáronse medidas significativas, como liñas de subvencións para proxectos científicos e entidades memorialistas, creación de lugares de memoria democrática (catro en marcha en Galicia), exhumacións, recoñecemento a vítimas represaliadas e a eliminación de simboloxía franquista, entre outras. “Esta medida é un compromiso co futuro, defendendo a democracia e os dereitos fundamentais como paradigma común e horizonte indeleble da nosa vida pública, convivencia e conciencia cidadá”, apuntou.

Pola súa banda, o Comité, a través do seu presidente, Hixinio Araúxo, agradeceu o compromiso da Secretaría de Estado e do Concello de Celanova, concretada esta durante a fin de semana nas Xornadas Muller e Memoria que contan coa axuda do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e que reuniron en Celanova a historiadoras e investigadores como Lola Varela, Tamara López, a propia Aurora Marco, Eliseo Fernández, Dionísio Pereira e Domingo Rodríguez Teijeiro, xunto á comisaria da mostra, Rosa Cid Galante, quen resumiu o espírito das xornadas: “Cos relatos e testemuñas das familias das vítimas, saímos da ortodoxia histórica para mergullarnos na historia das emocións. Esta perspectiva non é, por iso, menos obxectiva, xa que dá voz ao pobo. A Historia debe ser unha historia do pobo e para o pobo, o que se coñece como «Historia desde abaixo». Desde esta óptica preténdese ampliar o foco e recoñecer outras formas de protagonismo histórico, incluído o protagonismo feminino.”

As xornadas honran desde esta edición a María Rodríguez Mosquera, María Cabaco, membro fundadora e primeira vicepresidenta do Comité, falecida aos 47 anos en febreiro pasado.

Back to top button