OurenseÚltima hora

Acto de recoñecemento en Cenlle ás 125 empresas e institucións que se incorporan ao sistema sustena de calidade e sostibilidade turística

50 empresas recibiron a acreditación Q de Calidade Turística, 71 a S de Sostibilidde Turística e outras catro o selo Galicia Calidade

 

O Pazo de Toubes, no concello de Cenlle, acollía este 1 de xullo e o acto de recoñecemento das certificacións Galicia Calidade, Q de Calidade Turística e S de Sustentabilidade Turística, unha cita na que participou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director xeral do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTES), Fernando Fraile, que serviu para poñer en valor o compromiso do sector turístico galego coa excelencia, a mellora continua e a sustentabilidade.

Durante o acto recoñeceuse o labor das entidades e servizos turísticos que obtiveron estas distincións ao longo dos anos 2024 e 2025. En total, entregáronse os diplomas correspondentes a 50 novas certificacións Q de Calidade Turística, 71 certificacións S de Sustentabilidade Turística e catro novas certificacións Galicia Calidade, correspondentes a empresas das catro provincias galegas.

Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia destacou que estas tres acreditacións “representan moito máis ca un selo: son a demostración dunha dedicación permanente á mellora continua, á profesionalización e á consecución dun modelo turístico que aposta pola excelencia e polo respecto ao territorio”.

 

 

Liderado de Galicia

Referíndose en concreto ás acreditacións Q de Calidade Turística, o director de Turismo de Galicia puxo en valor a posición de liderado da comunidade neste ámbito e lembrou que Galicia mantense como a segunda comunidade autónoma con maior número de certificados Q de Calidade Turística, cun total de 322 distincións, só por detrás de Andalucía. Ademais, continúa tendo un peso importante en España sectores como as axencias de viaxes, os aloxamentos rurais, os albergues turísticos, os portos deportivos, os espazos públicos senlleiros, o turismo activo e as rutas turísticas.

En materia de sustentabilidade, destacou que Galicia suma xa 108 entidades distinguidas coa certificación S de Sustentabilidade Turística, situándose na terceira posición estatal. “Cómpre salientar o importante esforzo realizado no último ano, no que pasamos de ter 64 acreditacións deste tipo ás 108 actuais, rexistrando unha suba de máis do 68%”, sinalou.

 

 

Datos turísticos

Segundo explicou, estas certificacións teñen unha tradución directa na evolución do sector turístico galego. “Os datos acadados nestes primeiros meses de 2026 demostran que Galicia continúa medrando, non só en número de visitantes, senón tamén en calidade”, indicou. Neste sentido, lembrou que entre xaneiro e maio Galicia recibiu máis de 1,6 millóns de visitantes e rexistrou case 2,3 millóns de noites nos seus establecementos turísticos.

Xosé Merelles fixo especial referencia á evolución da provincia de Ourense, onde “o número de visitantes medrou o 7,9 % e o de noites case o 15,5 %”. Ao seu xuízo, “Ourense está a ser, con moita diferenza, a mellor provincia no que se refire a datos turísticos acadados entre xaneiro e maio deste 2026”.

 

 

O responsable de Turismo de Galicia asegurou que estes resultados “non son froito da casualidade”. “Son consecuencia do traballo compartido entre o sector privado e as administracións públicas”, afirmou, ao tempo que reiterou que “desde a Xunta temos moi claro que a calidade debe seguir sendo un dos piares fundamentais da nosa política turística”.

Na recta final da súa intervención, Xosé Merelles subliñou que “a excelencia non é un fin en si mesmo. É unha ferramenta para facer de Galicia un destino máis competitivo, capaz de atraer visitantes durante todo o ano, de xerar emprego estable e de crear riqueza nos nosos territorios”.

Ás portas do Xacobeo 2027, o director de Turismo de Galicia concluíu que “temos a obriga de recibir 2027 con maiores garantías de calidade” e mostrouse convencido de que “co acto celebrado esta mañá, así o faremos”. Finalmente, asegurou que “Galicia ten futuro e nese futuro, a calidade é un medio para alcanzar o nivel, e sobre todo a riqueza e o benestar de todos os galegos, pero tamén para consolidar a nosa reputación e a nosa imaxe no exterior”.

 

Back to top button