
Na tarde deste xoves 2 de xullo os servizos de emerxencia liberaban a unha persoa que envorcara co seu coche tras saírse da vía en Muíños. “A persoa quedou atrapada no seu turismo despois de envorcar no quilómetro 5 da OU-1205, en Porqueirós”, puntualizan dende o 112 Galicia, explicando que “foi excarcerada polo GES de Muíños e posteriormente evacuada en helicóptero medicalizado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense”.
O aviso da saída de vía recibíano sobre as 16:40 horas por parte dun particular que explicaba que “o único ocupante precisaba asistencia sanitaria e era incapaz de saír do vehículo”.
No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o seu persoal a bordo do seu helicóptero medicalizado con base en Ourense; a Garda Civil de Tráfico, o GES de Muíños e os servizos de mantemento da estrada.
