
A moción que o grupo municipal do PP do Barco levaba ao pleno do 2 de xullo relativa á “ampliación, transformación e integración da piscina municipal” da localidade resultaba rexeitaba. Malia conseguir o apoio do BNG, non contaba co do grupo de goberno socialista, que votaba en contra.
Era o concelleiro José Luis Tamayo quen defendía a iniciativa. Comezaba expoñendo que a “a piscina municipal xa non responde á realidade do Barco. Unha vila que exerce como cabeza de comarca e concentra boa parte dos servizos, a actividade comercial e a oferta de lecer da comarca non pode conformarse cunhas instalacións concibidas para as necesidades de fai corenta anos. A poboación evolucionou, as necesidades das familias cambiaron e también fixérono as expectativas dos usuarios. Con todo, a piscina municipal apenas evolucionou más allá de actuacións puntuais de mantemento”.
Neste senso, a moción, que tamén se refería ao deterioro destas instalacións, propoñía os seguintes acordos: a redacción dun proxecto integral de ampliación, transformación e integración da piscina municipal, executar, con carácter urxente, un plan extraordinario de mantemento e acondicionamento nela, así como “adoptar, con urxencia, as medidas necesarias para incrementar as zonas de sombra mediante arboredo, elementos de protección solar ou outras solucións técnicas adecuadas, así como incorporar cerramentos vexetais ou outros elementos que melloren a privacidade dos usuarios”.
Dende o BNG, a súa edil Noa Fernández, consideraba que “as actuais instalacións e espazo da piscina municipal ao descuberto é unha clara radiografía do modelo de goberno implementado polo partido socialista neste concello, é dicir, políticas superficiais que tan só ofrecen un lavado de cara, parches e facer unha foto nos medios, mais que non ofrecen verdadeiros cambios estruturais que perduren no tempo e atendan ás necesidades reais da veciñanza. É evidente que diversos elementos que conforman este recinto ficaron obsoletos”, que aparecían na moción.

Así mesmo, a concelleira nacionalista e poñía o foco “nalgo que non se menciona na moción e que para nós é primordial, que é o modelo de xestión, pois de nada serve que teñamos unhas instalacións punteiras se para poñelas en funcionamento dependemos, entre outros, dos horarios, do número de traballadores e traballadoras que marca unha licitación privada determinada que xestiona o servizo para obter un beneficio. Igual por unha vez deberamos ter altura de miras e encargar un estudo serio onde se analice, entre outras, a viabilidade da xestión directa por parte do Concello, pois por exemplo a través dunha sociedade mercantil de capital público que permita priorizar as necesidades e benestar dos usuarios sobre os interses económicos”. E insistía en que a “remunicipalización do servizo garantiría un coidado constante sen depender de contratos extraordinarios ou puntuais. As instalacións deportivas dun Concello non poden ser un negocio”. Finalmente, “pese a todas as carencias que ten a moción, entendemos que é un bo punto de partida ou debate para acometer esta cuestión”.
Pola súa banda, o alcalde, Aurentino Alonso, respondía que “oxalá puideramos ter unha piscina máis grande, cuns terreos máis grandes e puideramos gastar 1,5 millóns de euros nunha nova piscina. Esta piscina que temos ocupa un espazo de media hectárea e ogallá puideramos ter unha de 10.000 ou de 20.000, pero non a podemos ter polas posibildades que ten o Concello cos seus orzamentos. Polo tanto, nós temos a piscina que temos e tratamos de coidala o mellor que podemos e o que os técnicos nos van dicindo en cada momento, ademais estamos facendo continuamente obras. E tamén hai que pensar que só abre dous meses ao ano”.

Alonso adiantaba ademais que no Plan de Actuación Integral (PAI), concedido a Valdeorras, O Barco ten unha obra de “restauración e rehabilitación de todo o que é o xardín botánico”, así como unha parte para ampliar a piscina de cerca de 400 m2 que será “máis césped e máis espazo, que é unha cantidade eu creo que importante que se lle engadirá, pero non ten moito máis por onde medrar. De cara ao río a confederación, non no deixa”.
Despois procedíase á votación da moción, que era rexeitada ao non lograr os 9 votos do PdeG-PSOE, fronte aos 8 a favor de PP e BNG.
Recoñecemento de compatibilidade ao edil popular Manuel Núñez
Dentro da orde do día do pleno, tamén se incluían dous recoñecementos de compatibilidades. Un deles para o concelleiro do PP Manuel Núñez Fernández. En concreto o punto recollía o “recoñecemento de compatibilidade entre o cargo de concelleiro e o posto de funcionario interino docente especialidade mamd0209”, referido a que é un dos docentes do obradoiro de emprego dual “Valdeorras embelece V”.

O punto, en cuxo debate e votación o edil saía do pleno, resultaba aprobado cos votos a favor dos socialistas e do PP, mentres que o BNG decidía absterse. O voceiro municipal do BNG, Manuel Agra, preguntábase por que tanto retraso en traer este punto ao pleno. “O obradoiro Valdeorras Embelece V presentouse o día 6 de maio. Intervención fiscalizou o expediente ese mesmo día 6, reiterándose o día 15. O funcionario interino foi nomeado polo alcalde o 15 de xuño, tomando posesión o día 16 de xuño. O día 17 de xuño de 2026 comezou o obradoiro. Ese mesmo día Secretaría recibe unha providencia que lle ordena emitir un informe xurídico. O sinalado anteriormente é o que non comprendemos: como traen este punto ao pleno con tanto retraso e sen pasar antes pola comisión informativa! Se o obradoiro se presentou o día 6 de maio e comezou o 17 de xuño, se xa se sabía quen era o profesorado, como permiten que comecen as clases sen ter todo en regra e poñendo en risco a legalidade do obradoiro!”.
Tamén aludía aos informes de Secretaría e Intervención que din “que o posto é estrutural e que non se xustifica axeitadamente a súa temporalidade. Non queremos interferir no desenvolvemento do orbradoiro nin nos dereitos laborais do concelleiro, pero abstémonos por esa improvisación do Concello baseada na súa maioría absoluta”.

Dende o PP, o seu voceiro municipal, Antonio Melo sinalaba que “visto que os informes de Secretaría son favorables nós imos votar a favor neste punto”. Ademais o alcalde barquense, respondíalle ao voceiro do BNG asegurando que “o equipo de goberno tomou a decisión sobre esta compatibilidade vendo as posibilidades que había. Hai sentenzas favorables e hai discrepancias por un lado e por outro e, entre aceptar que unha persoa poida exercer como profesor no obradoiro ou non aceptalo, nós entendemos que visto que, en situacións similares hai sentenzas favorables noutros concellos, ao mellor estaríamos vulnerando as posibilidades que ten esta persoa de desenvolver este traballo. E decidimos aceptar esta compatibilidade. E improvisación ningunha porque os tempos son os tempos e os que nos marcan son os prazos que se nos dan e os fitos que hai que cumprir dende que se inicia o obradoiro. Son tempos técnicos”.
Nesta mesma sesión aprobábase, neste caso por unanimidade, unha proposición presentada pola alcaldía sobre “Recoñecemento de compatibilidade para actividade privada solicitada por María Cristina Murga Macías”.
Fotos: A.R.
