
Profesionais dos servizos de Farmacia, Medicina Interna e Otorrinolaringoloxía do Hospital Público de Valdeorras, no Barco, veñen de publicar na revista de carácter nacional “Enfermedades Infecciosas y Microbiología Clínica” un traballo científico sobre o tratamento antibiótico empregado e evolución dun paciente con otite externa maligna causada por unha bacteria multirresistente (pseudomonas aeruginosa).
O artigo, titulado “Otitis externa maligna por pseudomonas aeruginosa resistente: experiencia de uso de ceftolozano/tazobactam”, está asinado por Laura Villaverde Piñeiro, do Servizo de Farmacia; Eduardo Luis Callejas Moraga, do Servizo de Medicina Interna; e Marta Fernández Míguez, do Servizo de Otorrinolaringoloxía, todos eles do Hospital Público de Valdeorras.
A relevancia do caso publicado polos profesionais de Valdeorras reside en que describe unha forma pouco frecuente e grave desta patoloxía, nun paciente con factores de risco e cunha bacteria resistente a múltiples antibióticos, e achega experiencia clínica útil para o manexo de infeccións complexas nun contexto de crecente preocupación pola resistencia antimicrobiana.

Evolución favorable pese a gravidade
A publicación recolle o caso dun paciente de 80 anos, con leucemia mieloide aguda en tratamento e un episodio previo de descenso importante das defensas, que desenvolveu unha otite externa/media dereita, complicada con osteomielite local, é dicir, afectación infecciosa do óso. O cultivo confirmou a presenza de pseudomonas aeruginosa multirresistente, sensible a ceftolozano/tazobactam, un antibiótico empregado fronte a determinados bacilos gramnegativos resistentes.
Tras adaptar o tratamento ao resultado do antibiograma, o paciente recibiu seis semanas de tratamento antiniótico, inicialmente no hospital e posteriormente en hospitalización a domicilio mediante infusor elastomérico, un dispositivo portátil que permite administrar medicación intravenosa de forma continua. A evolución foi favorable, con diminución do dor e da otorrea desde os primeiros días, descenso dos parámetros inflamatorios e resolución clínica ao remate do tratamento.
Primeiro caso descrito na literatura
A principal conclusión do traballo é que se trata do primeiro caso descrito na literatura científica de tratamento exitoso dunha otite externa maligna mediante os antibióticos empregados. Así, os autores sinalan que este antibiótico pode posicionarse como unha alternativa terapéutica en infeccións deste tipo, aínda que a súa indicación debe facerse sempre de xeito individualizada e co apoio dos equipos PROA, o programa de optimización do uso de antimicrobianos, que precisamente ten por obxectivo controlar o bo uso de antibióticos para evitar as resistencias.
A otite externa maligna é unha infección invasiva pouco frecuente do conduto auditivo externo e da base do cranio. Afecta sobre todo a persoas inmunodeprimidas, pacientes con defensas baixas ou con determinadas enfermidades de base, e pode progresar a complicacións graves como parálise facial ou osteomielite do óso temporal. O diagnóstico baséase nos síntomas, nos parámetros inflamatorios e nas probas de imaxe, e o tratamento adoita requirir antibióticos con cobertura fronte a seudomonas aeruginosa durante seis a oito semanas.
A publicación enmárcase ademais nun contexto de crecente preocupación pola resistencia aos antibióticos, considerada pola Organización Mundial da Saúde como unha ameaza global para a saúde pública, xa que compromete a eficacia dos tratamentos fronte a un número cada vez maior de infeccións.
Este problema obriga a facer un uso prudente dos antimicrobianos, apoiar as decisións en cultivos e antibiogramas e reforzar os equipos PROA, especialmente nos casos de bacterias multirresistentes como Pseudomonas aeruginosa. Segundo o Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades, as infeccións por bacterias resistentes causan cada ano máis de 35.000 mortes na Unión Europea, Islandia e Noruega, o que reforza a importancia de publicar experiencias clínicas que axuden a orientar o tratamento de infeccións complexas.

Unha patoloxía común con formas graves pouco frecuentes
As otites son procesos frecuentes na poboación xeral, especialmente na infancia. A otite media aguda é unha das infeccións pediátricas máis habituais e estímase que arredor do 80 % dos nenos terá polo menos un episodio ao longo da vida. As causas máis frecuentes son virus respiratorios e bacterias comúns.
A otite externa, que afecta ao conduto auditivo externo, pode aparecer en calquera idade e estímase que ata un 10 % da poboación pode padecela nalgún momento. Máis do 90 % dos casos de otite externa aguda son de orixe bacteriana, con Pseudomonas Aeruginosa e Staphylococcus Aureus como microorganismos máis habituais. A humidade, o baño frecuente, pequenas lesións no conduto auditivo ou a manipulación do oído poden favorecer a súa aparición.
Fotos: Carlos G. Hervella.
