SanidadeÚltima hora

O cardiólogo ourensán Moisés Rodríguez incorpórase como xefe de Cardioloxía do CHUO

Ata agora desenvolveu a súa traxectoria profesional no Hospital Clínico Universitario de Santiago onde combinou actividade asistencial, docente e investigadora

 

O xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Santiago Camba, xunto co director asistencial, Eloy Sánchez, e o director médico, José Manuel Ortigueira, presentaron esta mañá ao novo xefe de Cardioloxía do Hospital Universitario de Ourense, o doutor Moisés Rodríguez Mañero, que inicia hoxe a súa actividade.

Nado en Ourense, Moisés Rodríguez regresa á cidade tras desenvolver a súa traxectoria profesional no Hospital Clínico Universitario de Santiago, onde exerceu como facultativo especialista en cardioloxía desde 2012, con praza en propiedade desde 2022.

Licenciado en Medicina pola Universidade de Navarra, realizou a especialidade de cardioloxía no mesmo centro. Posteriormente completou a súa formación cun período de especialización en electrofisioloxía e tratamento das arritmias no Heart Rhythm Management Center da Universidade Libre de Bruxelas, cunha bolsa da Sociedade Europea de Electrofisioloxía. Asemade traballou como especialista no Houston Methodist Hospital, en 2015, un dos centros de referencia internacional nesta área.

É doutor pola Universidade de Santiago de Compostela, cunha tese centrada na fibrilación auricular, e completou a súa formación con estudos de posgrao e másteres en electrofisioloxía cardíaca, coidados cardíacos agudos, ecocardiografía e metodoloxía da investigación.

En paralelo á súa actividade asistencial, Rodríguez Mañero desenvolve unha intensa actividade científica, sendo autor de máis de duascentas publicacións en revistas nacionais e internacionais, especialmente no ámbito das arritmias, a electrofisioloxía e a fibrilación auricular. Participando en diversos proxectos de investigación, algúns deles actualmente en marcha.

No ámbito docente, colaborou durante máis dunha década coa Universidade de Santiago de Compostela, na formación de estudantes de medicina e especialistas en cardioloxía, ademais de impartir cursos e actividades de formación continuada para profesionais sanitarios.

Rodríguez toma o relevo de Miguel Pérez de Juan Romero, xefe do servizo de cardioloxía do Hospital Universitario de Ourense, os últimos cinco anos, recentemente xubilado.

Back to top button