Moi contentos e pensando en saír de novo “con todo”, remataba o Vianariño FS a tempada, reunindo no pavillón municipal de Viana do Bolo a todos os equipos.
Do sénior, o seu presidente, Víctor Ferreño, destaca a melloría que sufríu o equipo. “O ano pasado foi un pouco raro porque co tema dos incendios apenas pudemos facer pretempada, cando nos dimos conta estabamos metidos na competición e custounos moito coller o ritmo, non tivemos sorte coas lesións e perdimos xogadores importantes ao principio. Pero pouco a pouco fomos retomando o nivel e ao final conseguimos saír dos postos de descenso e lograr a permanencia a expensas duns axustes na liga pero ten boa pinta co cal contamos saír a competir en 3ª o ano que vén”, explica, adiantando a formación do plantel. “Renovamos á inmensa maioría de xogadores con algunha incorporación pero é un equipo de casa con xente da zona e o noso logro máis grande é incorporar un par de xogadores do equipo xuvenil. A idea é seguir crecendo coa canteira que é o que nos interesa”, di.

O mesmo pasou co equipo feminino, incorporando unha xogadora da base que é o que buscan, “que se incorpore ao proxecto xente de abaixo e pouco a pouco”. O ano pasado conseguiron tamén mellorar un par de postos na clasificación e ano a ano vano notando.
Con todo a sorpresa da tempada tivérona co equipo xuvenil preferente. “É a segunda categoría a nivel nacional e iamos con bastante medo porque non sabiamos o nivel nin como afrontalo e logramos salvar a categoría, sendo o único equipo de Ourense que vai competir o ano que vén”, di Víctor, adiantando que xa teñen un par de fichaxes. “Ao ter desprazamentos por toda Galicia non é facil pero sabemos que é fundamental contar cun xuvenil de categoría no club para o día de mañá poder competir co primeiro equipo”.
Igual de contentos están co resto de equipos (cadete, infantil, alevín, benxamín e prebenxamín). Uns máis arriba na clasificación e outros no medio pero en xeral moi ben, comezando xa a perfilar a nova campaña tras uns días de descanso.

Fotos: Jose Novoas.
